A contaminación das augas superficiais e subterráneas por nitratos, procedentes de fontes de orixe agraria, é un dos principais problemas sanitarios e ambientais aos que se enfronta o sector agrogandeiro na actualidade. O uso incorrecto dos fertilizantes utilizados na agricultura e a xestión inadecuada dos estercos gandeiros, supón un exceso de nitróxeno no medio que induce a eutrofización das augas superficiais e, en xeral, un aumento da presenza do ión nitrato nas augas superficiais e subterráneas que limita os seus potenciais usos, á vez que supón un risco para o medio ambiente e a saúde humana. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto co secretario xeral da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia da Xunta, Juan Carlos Reboredo, e o delegado territorial de Pontevedra, Agustín Reguera, mantiveron este mércores unha reunión cos alcaldes de Ribadumia, Vilanova de Arousa, Meis e Cambados sobre o proxecto de economía circular cara a unha gandaría sostible. A reunión, que tivo lugar na sede da Delegación Territorial, intégrase na rolda de contactos con alcaldes e outros representantes municipais, asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, distribución e industrias agroalimentarias, en relación coa sustentabilidade ambiental da gandaría e as súas perspectivas de futuro, de cara á declaración de zonas vulnerables a nitratos (ZVN). A declaración dunha ZVN limita o abonado de nitróxeno a 170 quilos por hectárea e ano, un límite que no sector rexeita ao entender que esa cantidade resulta inviable para parcelas que con frecuencia teñen dous cultivos anuais en rotación (herba e millo). Na xuntanza de hoxe en Pontevedra avalíouse a concentración de nitratos nas augas, nos parámetros que establecen a normativa europea e nacional. En particular, o Real Decreto 47/2022, de 18 de enero, sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias e que marca unha serie de compromisos para mellorar a situación ecolóxica dos acuíferos. Búscase a implementación de prácticas máis responsables, a protección do ambiente e a xestión eficiente dos residuos. Reunión para falar da declaración de zonas vulnerables a nitratos