Traballadores de Correos en loita: "Pretenden facer de Correos como un Amazon"

Wait 5 sec.

Este mércores 26 de febreiro, os traballadores da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos están a levar a cabo unha folga estatal convocada polo sindicato CGT, co obxectivo de frear a sinatura do Acordo Marco e o posterior convenio colectivo. A CGT considera que este documento limitará os dereitos dos traballadores en favor de criterios de rendibilidade económica, impedindo garantir un servizo postal público de calidade para toda a cidadanía. En Pontevedra, preto de medio centenar de traballadores concentrouse ás portas da oficina central, na rúa Oliva, 19. Entre eles, Miguel Visconti, o delegado da CGT no Comité de Empresa de Correos en Pontevedra. Miguel Visconti, delegado da CGT no Comité de Empresa de Correos en PontevedraMónica Patxot Miguel Visconti, cal é o motivo desta concentración? Estamos aquí porque a empresa e os sindicatos maioritarios asinaron un Acordo Marco que establece as liñas básicas para un novo convenio. O convenio que temos actualmente é do ano 2011, vai facer catorce anos. Estas liñas que marcaron nos quitan moitos dereitos e pensamos que o servizo sexa peor. Podes concretar algún deses dereitos recortados? Por exemplo, un deles establece un máximo de gasto en contratación do 70%, cando agora mesmo rondamos o 90%. Iso, segundo as nosas contas, significa que van a despedir unhas 10.000 persoas. E agora mesmo estamos con moi poca contratación, que fai que o servicio xa estea deficitario, e pensamos que vai ser máis. Denunciades que queren "amazonizar" o servizo público de Correos Pretenden facer de Correos como un Amazon, porque queren que traballemos fins de semana, máis tardes e ter xornada variable ao longo do ano. É dicir, cando hai menos carga de traballo, ter menos horas, e cando hai máis carga de traballo, ter máis horas, co cal nos é moito máis difícil conciliar para os que temos fillas e fillos. Faltaría desenvolver o que é este acordo, pero falan tamén de facilitar a mobilidade intercentros, é dicir, que nós estamos ao mellor traballando un día nunha unidade de reparto e nos mandan a outra localidade ao día seguinte. Todo bastante caótico. O Acordo Marco, que sería? O Acordo Marco é un acordo previo que asinaron estes sindicatos para, digamos, desenvolver un convenio. As liñas que marcaron é que o día 15 deste mes de marzo ten que estar asinada a modificación do anterior convenio, o terceiro, que é o que te dicía antes que se asinou en 2011. E despois, ata o 1 de outubro, desenvolver o que é o cuarto convenio. Cales son os sindicatos maioritarios? Os sindicatos maioritarios son Comisións Obreiras, UXT, Sindicato Libre e o CSIF. Son os que asinaron porque teñen a maior representación na empresa. Concentración en Pontevedra de traballadores de Correos en folga convocados polo sindicato CGTMónica Patxot O convenio que se vai renovar, cando expirou? O convenio tiña unha duración de tres anos. O que pasa é que, mentres non se acorde un novo, se prorroga cos orzamentos do Estado. Entón, ao final resulta que levamos con el desde o 2011, catorce anos vai facer. E temos medo de que este novo, con estas cláusulas tan negativas, poida durar tamén máis de dez anos. Para este 26 de febreiro, o sindicato CGT convocou unha xornada de folga. A media mañá, como está sendo o seguimento? Temos datos variables. Sabemos que hai unidades que se pecharon, hai outras nas que ao mellor faltan dúas ou tres persoas, pero aínda non temos todos os datos. Na provincia de Pontevedra sabemos que pecharon algunhas oficinas pequenas, como nas Neves. Aquí na concentración hai moita xente de Pontevedra, que mínimo un 50% debe ser xente de reparto, pero aínda non podería dicir un dato exacto. ¿Está concentrado só persoal de reparto ou tamén de oficina? Toda a plantilla: atención ao cliente, de reparto e dos centros de clasificación, que tamén temos xente aquí concentrada. Cales van ser as seguintes accións? Como ata o 15 de marzo se deron un prazo para asinar, temos unha manifestación o mércores que vén, o día 5 de marzo en Santiago, que é da Área Noroeste, tamén con folga en toda a Área. Correos divídese en sete áreas. O que é a Área Noroeste que nos compete a nós inclúe Galicia, Asturias e Castela e León, agás a provincia de Soria, que xa estaría noutra área. O mércores tócanos a nós, o xoves aos compañeiros do Norte, despois Noreste…, e imos rotando ata o día 13 de marzo. E o día 14 de marzo temos unha folga xeral de Correos de toda España con manifestación en Madrid. Concentración en Pontevedra de traballadores de Correos en folga convocados polo sindicato CGTMónica Patxot COMUNICADO INFORMATIVO DE CORREOS Contra ás 14:00 horas deste mércores 26 de decembro, Correos emitía un comunicado para informar do seguimento da folga estatal e as actuacións da empresa pública. Estes son os puntos que expón: - Cos datos solicitados ata o momento (14:00 horas), o seguimento da folga convocada por organizacións sindicais minoritarias para o día de hoxe (26 de febreiro) foi do 6,8%. - O servizo á cidadanía non se viu afectado e prestouse con normalidade a todos os clientes en todo o territorio. - Correos, na súa aposta polo diálogo social, seguirá negociando con todas as organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación para desenvolver o Acordo Marco asinado o pasado 31 de decembro coa maioría sindical da empresa respecto ás liñas básicas que conformarán tanto o novo Convenio Colectivo como o Plan de Persoas destinado a rexuvenecer o persoal de Correos. - O obxectivo do devandito Acordo é establecer un novo marco laboral no que se aliñen os intereses do persoal por un emprego de calidade coas necesidades de flexibilidade e produtividade dun novo modelo de negocio de Correos máis diversificado e competitivo.