Monólogo granate ante o Escobedo para recuperar o liderado

Wait 5 sec.

O Pontevedra CF volve ser líder de Segunda Federación tras superar ao Escobedo, que levaba sen encaixar 600 minutos, por 2-0 e aproveitar o empate do Numancia en casa do Langreo. Garay, na primeira parte, e Álex González, na segunda, foron os autores dos goles granate. Levou o Pontevedra o dominio do encontro desde que o colexiado pitou o inicio, apostando por un xogo vertical cara á portaría de Fondo Norte que se saldou con dous saques de esquina seguidos en apenas tres minutos e cun remate de Iago Novo que se foi fóra. Seguiron os granates asediando por completo en campo contrario, mentres o Escobedo estaba repregado atrás cos seus once xogadores e achicaba balóns como podía. Os locais seguiron acumulando ocasións moi claras e daba a sensación de que o gol ía chegar de contado. Aos 10 minutos, Yelko puxo unha falta escorada ao bordo da área, Mario rematou no segundo pau, un defensor despexou, Pelayo enganchou o rexeite de chilena e Charly finalizou fóra. Pouco despois, Garay tivo a máis clara para os locais, pero o seu disparo estrelou no pau dereito da portaría rival. Vivía o Pontevedra en campo do Escobedo, pero o seu porteiro encargábase de sacar as castañas do lume e salvaba ao seu equipo dunha goleada. Nunha xogada pola esquerda entre Héctor e Chiqui, este último púxolle o centro a Charly, pero non chegou por moi pouco e Rumenov atrapou. Despois, o dianteiro volveu finalizar unha xogada dentro da área, pero esta vez despexou un defensor. Alcanzábase a media hora de xogo, e o Pontevedra atopou o gol nunha xogada embarullada dentro da área. Chiqui deulla a Yelko, enredouse, Charly tirou, despexou un defensa e Garay empuxou o rexeite ao interior da rede para subir o 1-0. A primeira parte continuou sendo un monólogo dos locais, pero non conseguiron facer o segundo. Yelko púxolle un centro medido a Charly que rematou na área pequena, pero o seu cabezazo detívoo o gardameta cunha gran parada. Tras esa ocasión, Pelayo rozou o 2-0 cun potentísimo disparo desde tres cuartos de campo que se estrelou na madeira. Alcanzábase o final da primeira metade, pero o Pontevedra aínda tivo unha ocasión máis por medio do 10, que xutou desde fóra da área, pero Rumenov volveu deter. Despois do paso polos vestiarios o Escobedo deu un paso adiante, aínda que sen lograr dominar. As posesións alternábanse entre ambos os equipos, pero eran os granates os que xeraban máis perigo cun disparo raso de Samu que se ía fóra. Sobre a hora, chegou a xogada que puido dinamitar o encontro. Miguel Cuesta foise pola dereita e encarou o gardameta, que despexou. Charly colleu o rexeite e Rumenov saíu a tapar, pero arroiou o dianteiro e o colexiado pitou penalti. Foi o mesmo Charly o que tirou a pena máxima, pero o porteiro adiviñou a traxectoria e detívoo. Pasaban os minutos e chegou o momento dos cambios. Brais entrou en punta ocupando o lugar de Charly, Chiqui cambiou á banda dereita, onde estaba Miguel, e Álex pasou á esquerda. Malia os movementos, o Pontevedra non conseguía sentenciar e era o Escobedo o que disfrutraba dunha clara ocasión coa que puido igualar. Aarón, que entrara no descanso, plantouse no man a man con Edu, pero despexou. No rexeite, Juan Casar colleu o balón, pero disparou alto. Entraba o partido na recta final e, por fin, chegou o gol da sentenza. Álex correu a banda esquerda, entrou na área, e sacou un disparo potente para marcar un golazo que puxo en pé á afección de Pasarón e o colofón ao duelo. PONTEVEDRA CF (2): Edu Sousa, Mario Gómez, Iago Novo, Yelko (Xabi, min. 82), Chiqui (Rufo, min. 82), Samu Mayo, Miguel Cuesta (Brais, min. 67), Garay (Javi Fontán, min. 87), Pelayo, Charly (Álex González, min. 67) e Héctor. UM ESCOBEDO (1): Rumenov, Espi, Brayan, Cagi (Dani, min. 67), Fer, Izam (Mario Basante, min. 45), Morais, Raúl, Edu (Juan, 67'), Jay (Víctor, min. 83) e Soma (Aarón, min. 45). Goles: 1-0, Garay, min. 31. 2-0, Álex González, min. 81. Árbitro: Eduardo Rodríguez García (Asturias), asistido nas bandas por Mohamed Reda Bakkali Zaidi e Juan González Suárez. Amoestaron a Charly (27'), Yelko (80'), Xabi (90') e Rufo (92') no Pontevedra e a Brayan (53'), Edu (57) Incidencias: Partido da xornada 24 de liga na Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.388 persoas.