Este luns 24 de febreiro ábrese o prazo de inscrición para participar na segunda ruta do programa Voando nas Rías Baixas, que se celebrará o domingo 9 de marzo na costa sur da Ría de Arousa, nos concellos de Cambados e Vilanova de Arousa. Esta iniciativa, organizada en colaboración entre a Deputación e a asociación SEO/BirdLife, ten como obxectivo sensibilizar á poboación sobre a riqueza natural da provincia e a importancia da súa conservación. A Ría de Arousa é un dos espazos máis destacados de Galicia para a invernada de aves acuáticas, e nesta ruta os participantes poderán observar grandes poboacións de corvo mariño grande, así como outras especies como gaivotas comúns, virapedras comúns, mazaricos, pilros, gaivotas de cabeza negra, choronas, garzas, mourelos e, incluso, algunha mobella grande. Ofértanse 25 prazas para esta actividade, permitindo que cada persoa inscrita poida acudir acompañada de ata tres persoas máis. O percorrido, que contará coa guía de dous expertos en ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe o uso dun autobús para o desprazamento e a visita pola zona. Ademais, as persoas participantes disporán de prismáticos, telescopios terrestres de alta gama e unha guía de aves para facilitar a observación das especies sen interferir no seu hábitat. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado axeitado, xa que a actividade desenvolverase ao aire libre e require certa mobilidade. Esta ruta é a segunda das sete actividades programadas para este ano no marco de Voando nas Rías Baixas. O calendario continuará coa ruta das Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda) o 25 de maio, seguida da ruta da praia da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) o 22 de xuño. Posteriormente, o 28 de setembro celebrarase a ruta dos campos e lagoas de Rouxique (Sanxenxo), e o 9 de novembro a do esteiro do río Lérez e a Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra). O programa pechará coa ruta da enseada de San Simón (Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa) o 14 de decembro.