O Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), organismo técnico de recoñecido prestixio dependente do goberno central, avala que o exterior da illa de Sálvora sería o punto "prioritario" para depositar os lodos resultado da dragaxe do río Lérez. Así figura no avance do informe realizado por este organismo sobre as zonas de depósito dos áridos, que a Xunta de Galicia deu a coñecer este xoves. O goberno galego recibiu un avance do documento técnico, que recolle nas súas conclusións que o punto E8, coñecido comunmente como punto exterior de Sálvora, "deberá ser considerado prioritario sobre outras alternativas". Nas súas recomendacións, o informe considera este punto E8 como "o máis axeitado para recibir os materiais dragados dos portos ubicados nas rías de Arousa e Pontevedra ou de calquera porto cuxa distancia non exceda as 20 millas náuticas". O informe tamén valora como adecuados os outros dous puntos propostos pola Xunta de Galicia, denominados B e D. Este documento non supón unha autorización directa para depositar áridos, senón que será o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MiTEco) quen deberá autorizar o depósito en base a dito informe. Desde a Xunta lembran que este punto é o mesmo que se viña empregando ata abril de 2021, cando o ministerio decidiu non autorizar ningún novo depósito nel á espera dun estudio de alternativas. CRÍTICAS DO BNG Xusto este xoves, horas antes de coñecerse este informe, o BNG volveu á carga sobre o proxecto de dragaxe do Lérez, lembrando que foi anunciado fai máis de 20 anos e "leva máis de 15 dando tumbos polos despachos de Portos de Galiza". O deputado nacionalista Luís Bará rexistrou unha nova batería de iniciativas no Parlamento de Galicia nas que demanda que se cumpra o acordo unánime da Cámara do ano 2019 que instaba a Xunta a tratar en terra os depósitos do río que teñan carga contaminante, tal e como se fixo na dragaxe da ría do Burgo. Tamén demanda que se faga un estudo técnico e económico para analizar como e onde se poden depositar e tratar estes residuos, e os custos desta operación; e que se habiliten as partidas orzamentarias precisas para que este proxecto se poida facer realidade en 2025. O deputado nacionalista sinalou que a dragaxe do río Lérez entre as Corbaceiras e a illa de Tambo é un proxecto vital para a rexeneración do fondo da ría, para a recuperación da actividade marisqueira, para a mellora da navegabilidade da canle do río e para a ampliar a operatividade tanto na Clube Naval deportivo como do peirao das Corbaceiras, que están perdendo capacidade de amarres e de actividade pola acumulación de sedimentos.