Malestar na escola de idiomas pola demora ao cubrir baixas de docentes: "O rendemento académico vese afectado"

Wait 5 sec.

Alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra manifesta estes días o seu malestar pola situación que están a vivir no centro educativo desde que retomaron as clases en xaneiro: a demora na substitución de docentes de baixa médica por tempo superior a 15 días. O profesorado "non está a ser substituído coa celeridade debida", lamenta Tomás Costal, presidente da xunta de delegados de alumnos da escola, que demanda solucións ás autoridades educativas. "Urxe pór remedio a esta situación", reclama, e engade que outras escolas de Galicia si logran substituír ao seu profesorado de baixa no prazo de sete días cando a súa ausencia se prevé longa. A situación que denuncian afectou a catro grupos que cursan inglés e outro catro que estudan portugués. En inglés hai catro grupos con entre 25 e 30 estudantes matriculados que estiveron cinco semanas sen clase, desde que se retomou o curso en xaneiro até o 17 de febreiro. Un deses alumnos, que cursa C2 e prefire non dar o seu nome, explica que, en todas esas semanas, tan só tiveron un profesor substituto en dúas clases. En portugués a situación continúa. Tamén son catro os grupos afectados e, no seu caso, non reciben clase desde o 27 de xaneiro e a incorporación do profesor titular prevese aínda afastada, pois a baixa é previsiblemente longa. Desde a Consellería de Educación, fontes oficiais indicaron a PontevedraViva que a "única praza pendente de cubrir" este luns 24 de febreiro é unha de portugués e explican que se debe "á falta de persoas nas listaxes de chamamentos que queiran aceptar este posto". Engaden que, para solucionar a situación, a Consellería puxo en marcha un proceso de apertura de listas nesta especialidade, que terminou o pasado venres. Nestes momentos, a Consellería "está a traballar no procesamiento de todas as solicitudes presentadas para cubrir as substitucións a través da nova listaxe". En canto á situación de inglés, indican que nestes momentos están todas as prazas cubertas e que si teñen constancia de que houbo "algunha dificultade técnica desde o centro para cargar unha baixa recentemente". Alumnos e alumnas cuestionan que "o rendemento académico dos estudantes vese severamente afectado" ao verse suspendidas as clases durante máis dun mes. Así, por exemplo, unha estudante de A1-A2 de portugués que é, á súa vez, docente de secundaria, critica que, a estas alturas, tendo en conta os descansos por Entroido e Semana Santa, xa só quédanlle como máximo cinco semanas efectivas de clase, un tempo claramente insuficiente para preparar os exames de maio. Tomás Costal explica que durante os primeiros meses de clase, até Nadal, non detectaron ningún problema, máis aló de "ausencias puntuais", pero desde xaneiro si e lamentan que, a pesar de coñecer a situación, nin a dirección do centro nin Educación "remedian a situación". Así, puxéronse en contacto coa dirección e tamén o comunicaron no Consello Escolar, pero, no caso de portugués, seguen sen resposta nin solución. "Non produciu resultado algún", lamenta. "Xeralmente, isto adóitase resolver de forma bastante rápida, cun profesor substituto", indica o representante dos alumnos, que falou con outros centros como Ribadeo, Ourense ou Vigo e trasladáronlle que alí "cando alguén vai causar baixa e comunica á dirección que vai ser unha ausencia prolongada, rexístrase e a Consellería recorre a listas e a substitución é practicamente inmediata. Tardan unha semana como moito". Costal lamenta que, con estas ausencias, "a consecuencia habitual é que a xente deixa de asistir. Cando se prolonga tanto tempo, a xente renuncia". Por iso é polo que denuncien que o rendemento académico vese afectado e que xa pensen que, si a situación alárgase moito máis, impulsarán accións de protesta. A citada alumna de portugués lamenta que "evidentemente, vainos a afectar o resultado, aféctanos moito porque non temos un apoio didáctico". Aínda que lles publicaron na plataforma online do centro material complementario para a súa formación, cuestiona que non lles garantan clases en persoa. "Por iso son clases presenciais e non online. Matricúlaste en presencial para ter profesor", sinala. Así, indica que, pola súa banda, si está afeita traballar en liña, pero non todo o mundo ten esa facilidade, pero, en todo caso, "si quixese iso, matriculábame a distancia". É o seu primeiro contacto co idioma, "empezamos desde cero" e considera que precisa o apoio dun profesor ou "senón, non hai aprendizaxe por parte do alumno, non hai profesor, non hai guía, non hai máis nada que un libro que compramos". Esta alumna indica que mesmo nas clases a distancia hai titorías presenciais pero no seu caso non están a ter nada. Defende que "o profesor non ten culpa", pois está enfermo e insiste en que "non se trata de buscar culpas, trátase de organización e funcionamento da clase". Tamén notou esta ausencia o mencionado alumno de C2 de inglés, que se queixa da forma na que se xestionou a ausencia prolongada do docente. "Cando retomamos o curso en xaneiro, chegamos a clase cinco alumnos e atopamos un cartel que puña que non viña o profesor. Un cartel na porta, sen máis. Fomos preguntar e dixéronnos que nos enviaron un correo, pero non o recibimos". Pouco despois, tiveron dúas clases cun profesor substituto, pero el tamén marchou e até o 17 de febreiro non regresou o titular. Nese tempo, "dicíannos que tiñamos que estar atentos á páxina web" e el considérao "un pouco amolo", pois ten que desprazarse en coche, "buscar onde aparcar, que é difícil alí, para que logo te decates de que puxeron un cartel na porta".