As comarcas do Salnés e de Caldas contan desde este luns cunha nova asociación que nace co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial e promover o desenvolvemento económico destas comarcas. Salnés Empresarial preséntase como un "punto de encontro" para persoas emprendedoras, comerciantes, autónomos e pequenas empresas que buscan colaboración, apoio e representación no ámbito económico e social. Aseguran ter unha "vocación integradora e aberta". A nova entidade pretende aglutinar a empresas de diferentes sectores, ofrecendo servizos de asesoramento, formación e networking. Ademais, prometen traballar para ser un "interlocutor válido" ante as administracións públicas, defendendo os intereses do empresariado local e contribuíndo á mellora da contorna económica e laboral. O grupo promotor desta iniciativa está composto por Tamara Sineiro Longo, CEO de Sineiro Abogados; José Ramón Sánchez Lozano, asesor financeiro; Jesús Rey Rodríguez, director adxunto de Grupo J. Rey Asesores e Javier Costa Pérez, CEO de Zelei Abogados. Segundo o equipo directivo de Salnés Empresarial, "queremos xerar un ecosistema de apoio mutuo, no que as empresas poidan crecer, compartir experiencias e afrontar xuntas os retos do presente e do futuro", sinalaron desde a xunta directiva. Entre as actividades que desenvolverá a asociación inclúense xornadas de formación, encontros empresariais, eventos de networking e a posta en marcha de iniciativas que fomenten a competitividade e a innovación na comarca do Salnés e a comarca de Caldas, que constitúen o seu ámbito de actuación. Desde Salnés Empresarial fan un chamamento ao sector para que se sumen a esta iniciativa contactando a través do correo electrónico info@salnesempresarial.es