Vergonza é roubar Na feira da Pascua de Padrón de abril de 1888 –feirón cabalar de orixe inmemorial– fixérase moito trato. Ao parecer, a vantaxe virou naquelora a favor dos adquirentes e non tanto dos ofertantes. É unha verdade que se di: "Non hai feira mala, cando un perde outro gaña". Por moita besta ou macho que trocase de mans no mercado de Padrón, a prensa da época (Crónica de Pontevedra, 5-4-1888) dedicoulle máis espazo ao calote dun esmoleiro cerdedés chamado Ramón Quintela. O renarte, aproveitando a lodada, rogaba a caridade da concorrencia finxindo estar eivado dun brazo: "...para hacer creer a la gente, llevando atado [el brazo] con una bolsa de bayeta amarilla forrada en su punta de un corcho, figurando hallarse manchada, al parecer, de pus". Esmolante tolleitoCalros Solla Decatouse do engano un alférez da Garda Civil de Noia, quen procedeu á súa detención. O noso Soto apostilaría: "A Garda Civil non é parva, cando atopa unha cabicha, di: "Aquí fumaron!". Ríspeto, o axente obrigou o mendiño "a despojarse ante todo el público del vendaje, el que quedó asombrado al observar, aparecía como de milagro completamente curado y útil para toda clase de trabajo, habiendo sido por lo tanto puesto en la cárcel a disposición del alcalde, para que proceda con él según lo que para tales casos marca la ley". Parafraseando a Valle-Inclán, "na Galiza poderá faltar o pan, pero o enxeño e o bo humor non se acaban". Ignoro o destino do noso mendicante, mais, vállome da voz da experiencia para vaticinar que "a sorte do probe é de andar a pedir". Chispas eléctricas Medo se lles ten ás tormentas, e non é para menos. Se a tormenta for avéspora, o raio sería o seu ferrete. Antano, co zunir do nubeiro, a paisanaxe medrosa e prudente non botaba porta fóra sen mangar o carapucho ou portar no peto a profilaxe de amuletos ou talismáns, acaídos obxectos de poder: a pedra do raio (ou chispa), as estampas e/ou medallas da santa Bárbara ou do san Bertolameu... O pobo identifica a pedra do raio quer co cristal de cuarzo tallado en seis caras pola natureza, quer cos machados ou aixolas prehistóricos exhumados na labra ou achados por acaso no camiño. O pobo acredita que a pedra de cuarzo é o ápice do raio e, considerando, que alí onde caeu a chispa, non volve percutir, mellor levala a canda un. No tocante aos responsos, recito de memoria un anaco do rezo de san Bertolameu de Chamadoira, santo moi avogoso: "...Volve, san Bertolameu, á túa pousada e mesón, que eu che darei un don: que onde foses nomeado, non caerá pedra nin raio, nin xente ha morrer sen confesión...". Sen mellor pararraios, a aldea desamparada arrostraba o temporal encomendándose ao capricho da fada. Baixo o titular "Un rayo en Meilide", leo en La Correspondencia Gallega (25-2-1914): "Hallándose en la cocina de la casa de Encarnación Rodríguez dos niños de corta edad, cayó un rayo dejándoles sin sentido. El hecho causó un pánico indecible, pues, al principio, se les creyó muertos, pero afortunadamente volvieron en sí a los pocos minutos. El mismo rayo mató una vaca que se hallaba en la cuadra de dicha casa". Desta fecha, non houbo que lamentar danos persoais, pero, 32 anos despois, en El Ideal Gallego (12-5-1946): "En un monte ... del municipio de Cerdedo, fueron sorprendidas esta tarde, por una fuerte tormenta que descargó sobre aquella comarca, dos niñas que cuidaban dos vacas. Cuando intentaban marchar a sus casas, fueron alcanzadas por un rayo que las dejó muertas en el acto". As precursoras do Roteiro da Pantalla Co titular "'Fantasmas' en Cerdedo", El Correo Gallego do 14 de xaneiro de 1942 informaba de que a Garda Civil da localidade puxera en coñecemento do gobernador o excéntrico proceder das cerdedesas Francisca Vidal Beiro e Encarnación García Beiro: "...las cuales, cubiertas con sábanas blancas y portando en la mano una campanilla, se dedicaban durante varias noches a atemorizar a una convecina suya que se veía en la precisión de abandonar su domicilio ante el pánico que la aparición de los 'fantasmas' le producía, refugiándose en casa de una hermana". "Ciérranse ventanas, atráncanse puertas. ¡Encomiéndate al santo! ¡A Santa Compaña!", cantaruxaba Coppini en 1984. En Cerdedo e Montes, os confrades da Pantalla son paradigma de crurealismo, inmersos nunha crúa realidade. Xogar con lume Noutrora, os vellos reprendían con severidade os cativos sorprendidos con calquera obxecto susceptíbel de provocar un incendio: chisqueiros, fósforos, guizos, a ferrisca ("irlabón") e mais o pedernal... Grosso modo, na aldea todo estaba a unha muxica de arder; na urbe, a vida fai por envolverse de materiais ignífugos. Agoirábannos os nosos maiores coa ameaza do "demo dos mistos", cuxa presenza se invoca ou é presentida ao xogarmos con lume. En 2010, J. Bieites ilustrou a portada do libro Almanaque de encantos coa efixie do diantre pirómano, que ben oficiaría de padroeiro dos bombeiros. O cachán sedúcenos coa danza lumínica e calórica das lapas. É doado caer na tentación. A advertencia de pais e avós era directa e tallante: "Se enredades co lume, acabaredes mexando na cama; aparecerásevos o demo en soños e escaparánsevos os ouriños". O demo dos mistosJ. Bieites A ancestral atracción polo lume foi hogano substituída pola hipnose das pantallas, e non precisamente polo ente espectral que rolda as congostras de Montes na noite de ánimas, nin tampouco pola máscara do Entroido limego. O diabo viuse na obriga de adaptarse aos novos tempos ou, se cadra, argallou as novas tecnoloxías para mellor exercer o seu labor de captación. No inverno do ano 1942, a prensa recolleu un suceso ocorrido no lugar de Vichocuntín, parroquia de Pedre (El Compostelano, 20-2-1942). Dedúcese da lectura que, aquela fría mañá, o pérfido demo dos mistos espreguizou a galbana, cruzou a ponte do Lérez e escolleu por vítimas dous rillotes de once anos –Edelmiro e Perfecto–, presumibelmente aterecidos: "los niños jugaban con unas cerillas, prendieron fuego a un pajar contiguo a una edificación propiedad del padre del primero, y a la que se propagó el incendio, que ocasionó daños por valor de 15.000 pesetas". O lume ao pé da estopa, vén o demo e sopra. A loba coxa Entre os moitos relatos oídos e recadados arredor da Montaña Máxica aqueles que aluden á loba coxa son dos máis suxestivos. Recolleuse testemuño da súa pasada existencia no libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, 2008: "Unha loba implacábel, alcumada a Coxa, rexía daquela a manda do Seixo. As batidas e acurralamentos nos que se enleara deixárana toquena e fanada. A súa astucia e fereza outorgábanlle foro para facer burla da morte" Por non augar o mito, no devandito traballo non precisei a sorte do animal, malia saber que fora alcanzada por un disparo de escopeta nos anos setenta do pasado século. A sona da Coxa atinxía naquel tempo os confíns da Terra de Montes. Explicando o porqué das súas canas, contou o señor Xesús García que, nunha ocasión, batera desarmado coa Coxa na canella das Laceiras. O vello aseguroume que tras un incómodo fite a fite, a loba faloulle mentres se relambía: "Gharcía, branqueouche o pelo!". E a quen non. Sen oportunidade de réplica, a fera escapuliuse pola xesteira arriba. Retratado por Virxilio Viéitez en 1968 xunta outros cazadores de Abelaíndo, García xa lucía para a foto a súa albela cabeleira. Dáme o corpo que o nova recollida en El Pueblo Gallego (6-3-1979), intitulada "Loba muerta en batida", fai referencia a esta prodixiosa alimaria, capitá da lobada: "Una loba ha sido muerta en el transcurso de una batida celebrada en la jornada del domingo en el monte do Seixo. Estas batidas se vienen celebrando para la caza de esta alimaña que tanto perjudica a las reses cuadrúpedas que viven en estado salvaje en el citado monte del municipio de Cerdedo, Forcarey, Lama y otros....". O gando ceibo co lobo ten preito, porén, nun recuncho da miña alma, a Coxa segue alancando arfante e irredutíbel polas engrobas e corgueiros do Seixo, garantindo a remuda perdurábel da súa manda.