O Teucro aposta pola continuidade do seu proxecto deportivo. O vicedecano do balonmán nacional confirmou este xoves a renovación da súa adestradora, Irene Vilaboa, para a tempada 2025-2026. Será a súa sexta campaña como máxima responsable técnica do equipo pontevedrés. "Tanto club como adestradora coincidimos na importancia da continuación dun proxecto que ten como fin a consolidación dun plantel que creemos necesita dunha continuidade e estabilidade para chegar ao potencial ao que pode chegar", explica o Teucro. "Pensando nun progresivo crecemento sostido da SD Teucro ambas as dúas partes ven con ilusión o poder seguir traballando xuntos", sinala a entidade azul. A decisión tómase independentemente de como finalice a tempada, na que o Teucro pelexa por acceder á fase de ascenso á División de Honra Prata. Polo momento o equipo que adestra Irene Vilaboa marcha na cuarta posición da liga de Primeira Nacional con 29 puntos, pero só a un da segunda posición que ocupa o Gáldar. O equipo canario será precisamente o seu rival na próxima xornada do campionato, este sábado 1 de marzo, nun dos desprazamentos máis exixentes do que resta de competición.