Marín renovará a rúa Tiro Naval Janer e resolverá os problemas de accesibilidade á Finca de Briz

Wait 5 sec.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou que o proxecto de urbanización da rúa Tiro Naval Janer foi presentado ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra para acadar unha financiación de cerca de 1,5 millóns de euros. Na actualidade, a Rúa Tiro Naval Janer dispón dun sentido único de circulación, con aparcadoiro en liña sen delimitar na marxe esquerda, dúas prazas de mobilidade reducida repartidas ao longo do seu trazado e beirarrúas en ambas marxes con ancho variable. Esta estrutura urbana non é a máis adecuada e por iso actuarase ancheando as beirarrúas, reducindo deste xeito o ancho da calzada ao propio dun único carril e mellorando a sinalización horizontal da liña de estacionamento, que se manterá na súa totalidade. Fomentarase o calmado da velocidade do tráfico, que redundará nun aumento da seguridade viaria na zona. Ademais, renovarase completamente a rede de saneamento e augas pluviais e establecerase a conexión co colector da marxe dereita do río Lameira. A maiores, substituiranse todas as fontes de luz actuais por luminarias tipo LED. Outro dos puntos clave do proxecto será a mellora da accesibilidade á Finca de Briz, xa que aínda que a Rúa da Costa conta cun itinerario peonil, este presenta unha pendente do 20% e polo tanto está fóra de toda a normativa actual en materia de accesibilidade. Persoas maiores, con mobilidade reducida, carriños de bebés, nenos con instrumentos musicais... son só algúns dos perfís que acoden decotío a estas dependencias, así como moitas familias que van gozar do entorno. Para resolvelo, o proxecto contempla a instalación dun andén móvil de 31 metros que salve esa pendente existente entre Tiro Naval Janer e o acceso principal á Finca de Briz, cuberta cunha pérgola vexetal coa que embelecer a instalación e que á súa vez aumente a vexetación, actualmente inexistente na zona. Con esta intervención de humanización, dáse continuidade ás melloras que xa foron realizadas, por unha banda, na Rúa do Forte, que tamén é unión entre o centro e o cinturón litoral, e na súa segunda fase (coa execución pendente de licitación e que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística), e, por outra, á mellora da Rúa José del Río, que circunda á Finca de Briz.