Situación límite nas residencias privadas de maiores: "Usuarios e traballadoras vémonos maltratadas a diario"

Wait 5 sec.

Camareiras-limpadoras que para limpar e hixienizar cada habitación e baño só dispoñen dun tempo máximo de tres minutos ou auxiliares que en dez minutos deben completar o aseo e mobilización dunha persoa dependente. Un traballo contrarreloxo ao que se suma un soldo por debaixo do salario mínimo interprofesional. Para reclamar melloras nas precarias condicións laborais e salariais do persoal das residencias privadas de maiores de Galicia, o sindicato CIG convocou para este venres 28 de febreiro, ás 18:30 horas, unha manifestación en Pontevedra, que partirá do centro Domusvi na rúa Loureiro Crespo e rematará na sede de Saraiva en Don Gonzalo. A negativa por parte da patronal do sector a negociar un novo convenio colectivo, dado que o último venceu en decembro de 2023, leva aos profesionais que traballan en residencias privadas de maiores e centros de día a esta protesta. Todo o sector está chamado a secundar esta mobilización, que é continuación das que se veñen realizando dende o mes de novembro de 2024 en varias localidades galegas, a partir da negativa da patronal a aceptar as propostas de mellora laboral e salarial. Dende a central quéixanse de que nin CCOO nin UXT secunden as súas demandas dun convenio digno. Destaca a CIG que o convenio anterior foi asinado por eses dous sindicatos, que acordaron unhas condicións salariais coa patronal que provocaron que os profesionais perdesen un 7,8% de poder adquisitivo. Ademais, nese documento "non se afondou nos complementos das baixas, na reducción de xornada nin tampouco nuns salarios que fosen, xa non só dignos, senón axustados á realidade", matiza Aitor Maquiera, representante da Federación de Servizos de CIG na comarca de Pontevedra. A última reunión para negociar o novo convenio colectivo celebrouse o 18 de outubro de 2024. Na proposta da patronal, o sindicato CIG subliña varios puntos que consideran inaceptables: a non inclusión no convenio dun complemento de baixas que contemple como profesionais as enfermidades habituais no contacto cos usuarios, como o caso das gripes; a non redución da xornada laboral que marcaba o anterior convenio; a ausencia de melloras de carácter social, como permitir o acompañamento ao médico dun menor ou un familiar dependente; e as malas condicións salariais. Indica que as categorías de limpadora, cociñeira, xerocultora, auxiliar de enfermería, condutor e gobernanta son o groso do sector e, para todas elas, "a proposta económica da patronal é que sigan por debaixo do salario mínimo", afirma o sindicalista. "Unha das cousas que máis chama a atención era que a proposta de incremento económico que nos facía a patronal para un convenio de tres anos (2024 a 2026), non é que deixe os salarios do ano 2024 por debaixo do salario mínimo do ano 2024, senón que con ese incremento os salarios no ano 2025 e 2026 seguirían estando por debaixo do salario mínimo do 2024", completa Maquieira. Trátase, como expoñía o representante sindical, dun sector altamente feminizado, con xornadas parciais, con esforzos físicos, con exposición a riscos e cunha carga de traballo moi elevada. Para respaldar estas teses, achegaron os seus testemuños as xerocultoras María Jesús Fernández, traballadora na residencia de Saraiva en Pontevedra; Rocío Rodríguez, membro do Comité de Empresa do centro Domusvi en Ribadumia; e Ana Isabel Barciela, presidenta do Comité de Empresa da residencia de maiores Caser Esencial Vilaboa. Carlos Alján, Rocío Rodríguez, Ana Isabel Barciela, María Jesús Fernández e Aitor MaquieraMónica Patxot María Jesús afirmou que "1.109 euros de salario base é o soldo dunha xerocultora, que somos o persoal de atención directa os usuarios: as que duchamos, vestimos, damos de comer, facemos cambios posturais…" Ademais, denuncian que a falta de persoal e as presións para cumprir cuns tempos inasumibles nas tarefas diarias están a afectar a calidade da atención que se ofrece os usuarios, moitos dos cales presentan altas necesidades de atención e coidado. "Os usuarios van maltratados e nós vémonos maltratadas a diario por parte da dirección do centro, non podemos dar máis", exclama Rocío. Engade a xerocultora o estrés que sofren para cumprir cos dez minutos como máximo que teñen que adicar a cada usuario para "levantalo da cama, duchalo, hidratalo, vestilo e sentalo nunha silla de rodas". A ratio de usuarios pode variar de "entre 8 e 10, e en algún caso 14, que tes que ter listos nese tempo", sen que a empresa faga distincións por grao de dependencia. "A maioría teñen algunha alteración conductual e tes que andar con coidado para movelos, que non se deixan, e para evitar que che dean unha labazada. Eu teño as marcas dunha rabuñadura que me fixo unha usuaria. É dicir, vas con todo o tacto e a empresa pretende que en dez minutos fagas todo iso", sinala a auxiliar. A carga de traballo pode ser incluso maior porque, cando faltan as limpadoras ou o persoal de enfermería, son as xerocultoras quen asumen as súas funcións. "Hai xerocultoras pinchando unha intramuscular ou facendo curas de úlceras", expoñen. Para incrementar máis esta situación precaria, Ana Isabel denuncia que usuarios psiquiátricos están sendo derivados ás residencias de maiores e son as xerocultoras as que teñen que asumir os seus coidados, "sen ter unha preparación para atendelos" e sen ter un apoio no caso en que, pola súa patoloxía, xeren situacións violentas nas que haxa que reducilos. "Hai veces que a situación é incontrolable. Teño compañeiras que se viron acurraladas a unha esquina por un residente que lle dobraba o peso. Estás tí sola nunha sala de psicoxeriatría con 20 ou 30 persoas, e que fas?". Concreta a auxiliar casos habituais de rabuñaduras, tiróns de pelos ou patadas, o máis recente a unha compañeira á que unha usuaria lle partiu varias costelas. "E, inda por riba, se tratas de zafarte e te lesionas, na Mutua dinche que é unha baixa por motivo traumatolóxico, nunca é asumido como enfermidade laboral". Estas circunstancias foron denunciadas ante a Inspección de Traballo pero, nas contadas ocasións en que se persoou nos centros, "non falaron coas traballadoras nin subiron ás habitacións", lamentan. Carlos Alján, representante da Federación de Servizos de CIG na comarca de Vigo, abonda en que "nos encontramos con casos que nos contan as compañeiras de usuarios que quedan sen comer e sen asear porque non hai tempo. E ao final todos sabemos que usuarios son: os que non falan, para que non o conten e as familias non se enteren". Con estas mobilizacións, o sindicato demanda que a Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade e interveña nestas residencias de maiores. Aduce que o "modelo privatizador e depredador" que impera nas residencias é responsabilidade do Goberno galego, xa que o 70% das prazas en residencias privadas está ocupado por persoas que deriva a Consellería de Política Social e Igualdade, as chamadas "prazas concertadas", que son de financiación pública pero coa xestión privada. "Ao final, as empresas privadas só buscan a súa rendibilidade, e ten que ser a Xunta a que vele para que cumpran ben o servizo", demanda a CIG. Tras a manifestación deste venres, a seguinte cita para conseguir a sinatura dun convenio digno será a reunión da Asamblea Nacional da CIG de Delegadas do sector do vindeiro 7 de marzo. Se a Xunta de Galicia non intervén neste conflito, proporase unha folga que afectará a todo o sector de residencias privadas de maiores e centros de día.