Folía en Vilaboa coa presentación do Entroido de Cobres

Wait 5 sec.

O Entroido de Cobres comezou este sábado a súa andaina polas parroquias de Vilaboa, ofrecendo os seus espectaculares bailes e animando as rúas sen medo ao vento nin á chuvia. Esta tradición, que se mantén viva grazas ao esforzo e entusiasmo dos veciños, percorreu Santa Marta de Bértola, Alcouce, Postemirón, a estrada vella de Paredes e as Salinas do Ulló, levando a alegría e as vestimentas do entroido cheo de cor a todos os recunchos do municipio. Mañá, domingo 23 de febreiro, o Entroido de Cobres terá unha saída especial, xa que foi invitado polos Xenerais do Ulla a participar no Entroido de Angrois. A cita será ás 16:30 horas, nunha xornada que promete ser memorable e que reforzará os lazos entre estas tradicións carnavalescas. Ver esta publicación en Instagram Una publicación compartida de CM Vilaboa (@alcaldiaconcellodevilaboa) Estas actividades son un anticipo do que sucederá a partir do sábado 1 de marzo, que marcará o inicio oficial do Entroido de Cobres, cunha programación repleta de actividades para todos os públicos. Durante todo o día, de 10:00 a 19:00 horas, o entroido percorrerá os barrios, animando as rúas e reunindo a veciñanza. Ás 19:00 horas (horario orientativo), o entroido chegará á carpa, onde ás 22:00 horas terá lugar a Gran Festa de Apertura, con actuacións do Grupo Claxon e do Trío Tic Tac. O domingo 2 de marzo repetirase o percorrido polos barrios entre as 10:00 e as 19:00 horas, culminando cunha festa na carpa ás 22:00 horas, desta vez a cargo do Trío La Noite. O luns 3 de marzo, o entroido continuará a súa andaina polos barrios e chegará á carpa ás 19:00 horas. Ás 21:30 horas, celebrarase o Luns de Maghachos, con actuacións da Orquesta Fuego e do Dúo Prisma, que asegurarán unha noite inesquecible. O martes 4 de marzo será o día grande do Entroido de Cobres. Pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas, o entroido percorrerá os barrios unha última vez. Ás 13:00 horas, celebrarase un vermú amenizado polo Dúo Los Dinámicos, acompañado de comida tradicional como pulpo e churrasco. Ás 16:30 horas, terá lugar a Corrida do Galo, presentada polo humorista Isi da TVG. Este acto, un dos máis esperados, incluirá bailes do entroido, a tradicional corrida do galo no río e na vara, concursos, a predicadora Leti da Taberna, a queima do galo e unha gran tirada de fogos de artificio. A fanfarra Furruxa encargarase de animar o ambiente tras a queima do gallo, e a festa rematará co DJ Gabry, que poñerá o punto final á festa.