O Entroido de Cobres non entende de idades

Wait 5 sec.

As madamas e galanes do tradicional Entroido de Cobres teñen o futuro asegurado. Son decenas de nenos e nenas os que están dispostos a participar nesta tradicional celebración, que se prepara para unha nova edición. Pero o Entroido de Cobres, desde fai 13 anos, non entende de idades. A tradición situaba nos 15 anos o momento en que unha moza podía engalanarse dos pés á cabeza, chapeu incluído, pero só podía facelo ata que botaba noivo, xa que ese é a orixe da celebración popular. Iso fixo que durante anos moitas persoas quedasen sen participar nesta tradición, vítimas dunhas estritas normas e da propia sociedade. Con todo pasado ese momento, naceron as Veteranas do Entroido de Cobres, un grupo maioritariamente feminino que se xunta para ensaiar, recupera vellas melodías e sobe ao escenario de Riomaior cada domingo e martes de entroido. Veteranas do Entroido de CobresConcello de Vilaboa Elas son exemplo do terreo gañado polas mulleres. "Cando empezamos fomos moi criticadas. Dicían que eramos un feixe de mulleres casadas e sen sentido. Agora isto xa está normalizado", explica unha das protagonistas, Luisa Poceiro, lembrando que antes "unha muller casada non podía ser madama". Sinalan a Gonzalo Garrido como a persoa que as animou a dar o paso e púxoas en contacto con Laureano e Maruja, dous veciños de Cobres que as axudaron a recuperar a antiga danza as espadas. "Imos como as antigas aldeás, sen sombreiro e sen pectoril, e apenas levamos xoias", afirma pola súa banda Beti do Río defendendo ás Veteranas como unha alternativa clara para os que non gozaron do entroido na súa mocidade, polos motivos expostos pero tamén polo económico, xa que ante o custo do traxe "non estaba ao alcance de moitas familias". Todo un exemplo nun grupo que agarntiza a diversión e que comparte a ilusión por unha tradición da que Vilaboa está orgullosa.