O Concello de Poio pechou o exercicio do ano 2024 cun superávit de 2.370.638,05 euros, un resultado que o alcalde, Ángel Moldes, cualifica como "unha mostra da boa xestión económica realizada no último ano". Segundo argumenta, este balance positivo é froito dunha aposta pola eficiencia, a atención a reclamacións históricas e o cumprimento do programa de goberno "de xeito totalmente responsable, facendo moito máis con menos". Os datos da conta xeral de 2024, que se presentará no pleno da próxima semana, revelan que os ingresos do Concello ascenderon a 19,1 millóns de euros, mentres que os gastos se situaron en 16,7 millóns. Moldes destaca que, malia herdar unha situación económica complicada cunha débeda bancaria superior a 8 millóns de euros e partidas esgotadas desde xuño, conseguiron "darlle a volta" e mellorar significativamente a capacidade de financiamento. "Recibimos unha herdanza que marcou e comprometeu a nosa xestión durante o primeiro ano", recordou o alcalde, quen subliñou que, ademais da débeda cos bancos, había máis de 1,2 millóns de euros en débedas con autónomos e pequenos empresarios. "Hoxe, a realidade é totalmente diferente. Poio está no seu mellor momento, con investimentos históricos, dando resposta a necesidades e prioridades da veciñanza e, incluso, aliviando a súa presión fiscal", engade. O volume de endebedamento do Concello reduciuse notablemente nos últimos anos. A 31 de decembro de 2024, sitúase no 48,41%, fronte ao 60,60% de 2023 e o 55,19% de 2022. A débeda viva cos bancos é actualmente de 7,9 millóns de euros, unha cifra que se prevé reducir en case 900.000 euros máis co orzamento de 2025. Moldes agarda que o Goberno central outorgue flexibilidade aos concellos para decidir en que servizos e investimentos se pode empregar este superávit. "Estamos expectantes a que se nos permita destinar estes recursos a mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza de Poio", conclúe.