Unha fase de ascenso "en formato Champions" para o equipo masculino do Waterpolo Pontevedra

Wait 5 sec.

O Club Waterpolo Pontevedra quere dar un paso máis no seu crecemento, chegando tamén a unha categoría nacional sénior masculina seguindo o paso marcado polo seu equipo feminino. "Es un proyecto en el que llevamos mucho tiempo trabajando", asegura o seu presidente, Alberto López Penide, antes de afrontar a que será a primeira presenza do equipo pontevedrés nunha fase de ascenso a categoría nacional masculina sénior desde o ano 2018. Será unha competición exixente pero bonita, disputada ademais "en formato Champions", explicaron na súa presentación. Todo iso con nove equipos participantes, vencedores cada un deles das ligas da súa comunidade autónoma, oito xornadas a unha sóla volta e a posibilidade de disputar ata catro encontros na casa, na piscina olímpica de Rías do Sur. "Imos con moitas ganas e levamos unha liña ascendente. O equipo está invicto pero é moi novo", asegura Iago Carabelos, xogador do Waterpolo Pontevedra. Por iso "ascender vai ser complicado pero o primordial é coller experiencia competitiva", explica sen querer renunciar a nada. Claro que para facerse cunha das dúas prazas de ascenso terán que superar a equipos da talla do histórico CN Manresa. Ademais competirán na fase o CW Chiclana, Mallorca WPC, EM El Olivar, Unión Waterpolo Tenerife, DN Portugalete, CN Pozuelo e CW Levante. A competición arrincará esta próxima fin de semana con xornada de descanso para o Waterpolo Pontevedra, que afrontará o seu primeiro encontro o sábado 8 de marzo a domicilio fronte ao CW Chiclana e que debutará na casa o sábado 22 de marzo (16.00 horas) fronte ao gran favorito, o CN Manresa. Desde o club pontevedrés quixeron animar os afeccionados locais ao deporte a que se acheguen a Ponte Muíños a vivir a experiencia da fase de ascenso. Na presentación da competición a entidade deportiva estivo arroupada pola concelleira de Deportes, Anabael Gulías, e polo presidente da Fundación Rías do Sur, Serafín Piñeiro, asegurando a edil que "non habería nada que nos fixera máis ilusión que o equipo masculino tamén ascendera" e se unise así en categoría nacional ao waterpolo feminino.