Tristes, abrumados e profundamente conmocionados. Así se atopan os habitantes do Grove tras a morte de Andrés Rico, o home que, tras dous meses na UCI, faleceu a consecuencia das lesións que sufriu tras ser agredido nun partido de balonmán. Andrés Rico, de 68 anos, saíu en defensa do seu neto, o árbitro do partido de balonmán que, o pasado 15 de decembro, enfrontaba ao BM Sanxenxo e ao BM Rasoeiro, e foi empuxado polo pai dunha das xogadoras deste último equipo, tamén do Grove. Máis dun milleiro de persoas concentráronse ante as portas da casa consistorial do Grove para arroupar á familia da vítima e condenar un episodio que volveu a pór sobre a mesa o problema da violencia no deporte. Os asistentes, entre eles preto de 400 estudantes do IES Monte da Vila, gardaron un minuto de silencio en recordo de Andrés Rico, "unha persoa moi coñecida, moi popular e, sobre todo, moi boa persoa", destacou o alcalde do Grove, José Cacabelos. "As mostras de cariño así o demostran", sinalou o rexedor, que estivo acompañado entre outras autoridades polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, ou o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. Concentración no Grove pola morte de Andrés Rico nun partido de balonmánPontevedraViva Cacabelos, visiblemente emocionado, reivindicou a necesidade de abrir unha "reflexión conxunta" entre todos, preguntándose "que sociedade estamos a construír se alguén non pode ir libremente a un partido sen que acabe como acabou Andrés". O rexedor meco lamentou que, actualmente, na sociedade "hai moita tensión" e iso ten o seu reflexo en todas as esferas da vida pública, tamén no deporte, no que, ao seu xuízo, "estamos a normalizar que calquera poida ir a un partido a insultar, a agredir ou a confrontar". "En que nos estamos convertendo?. Isto non pode seguir así", afirmou. Engadiu que condutas así non son xustificables "porque non é un feito illado", algo que vemos "constantemente" no deporte profesional e no deporte base, porque lembrou que a agresión a Andrés Rico se produciu nun partido con nenas de 15 anos e un árbitro de 16. Concentración no Grove pola morte de Andrés Rico nun partido de balonmánEFE - Salvador Sas "Todos temos o dereito e a liberdade de gozar dos nosos equipos, das nosas paixóns e das nosas afeccións", admitiu o alcalde, pero sempre que sexa desde os valores que promove o deporte "que son o respecto, a solidariedade, a emoción, a ilusión e o divertimento". Tras esta reflexión, José Antonio Cacabelos, que ademais é familiar do falecido, esixiu á xustiza "que actúe", ao entender que agora "é a súa hora". A partir de entón, sostivo, "todos temos que facer un esforzo para que isto non volva pasar". A concentración, na que tamén participaron representantes de numerosos estamentos e clubs deportivos finalizou cun longo e emotivo aplauso en memoria da vítima.