O desfile de Entroido de Poio encara a súa edición máis numerosa, con 25 grupos e comparsas este domingo

Wait 5 sec.

O Entroido de Poio arranca este domingo co desfile de disfraces, que xa ten confirmada a participación de 25 comparsas e grupos, converténdose así na edición máis numerosa. O desfile de disfraces sairá ás 12.00 horas desde a biblioteca municipal e rematará na Praza da Granxa, coa entrega de premios e a animación musical de Due Eventos. Contará coa participación das comparsas locais Canecos, Grupo de Entroido Samieira, 100Tolos e As Sonecas, así como de agrupacións chegadas do resto da provincia, como por exemplo Politicamente incorrectos, Os Miúdos ou Alegría de Bora. En total, repartiranse 4.820 euros entre os mellores disfraces nas categorías individual, parellas e grupos, tanto infantís (ata 14 anos) como adultos, e haberá tamén mencións especiais para a mellor animación e choqueiros. No caso das categorías individual e por parellas, poden inscribirse ata o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal. Este martes celebrouse a reunión de coordinación e seguridade do Entroido, na que participaron técnicos municipais, así como o inspector xefe accidental da Policía Local e representantes de Protección Civil de Poio. Reunión de coordinación e seguridade do Entroido de Poio O domingo habilitaranse aparcadoiros disuasorios nos accesos a Campelo e o tráfico pecharase desde as 10.30 horas. Todos os grupos e comparsas que participen no desfile deberán estar puntuais desde unha hora antes da saída, e acceder á Biblioteca Municipal de Poio desde a PO-308, na Avenida de San Xoán, polo Casal.