O Concello do Grove reaccionou á tráxica noticia do falecemento de Andrés Rico. O espectador agredido durante un partido de balonmán cadete o pasado 15 de decembro de 2024 no pavillón de Vilalonga era veciño da localidade. Segundo confirmou o alcalde, José Antonio Cacabelos, todos os grupos da corporación municipal puxéronse de acordo para decretar tres días de loito oficial na vila. Desta forma desde este luns as bandeiras do Concello ondearán a media hasta. Ademais o alcalde convida "a todo o deporte e a todos os veciños" a participar nun minuto de silencio na súa memoria este martes 25 de febreiro fronte ao Concello, ás 12.00 horas. Con ese acto pretenden "manifestar o noso rexeitamento a calquera tipo de violencia e máis concretamente no ámbito deportivo". Andrés Rico faleceu na madrugada deste luns 24 tras máis de dous meses hospitalizado. Non puido superar as graves lesións sufridas na cabeza por mor dunha agresión que tivo lugar nas bancadas do pavillón de Vilalonga por parte doutro espectador, cando o falecido pediulle que cesase na súa actitude agresiva cara ao árbitro do encontro, do que era avó.