Garay pide "ir día a día" porque "todos os puntos son importantes"

Wait 5 sec.

Regresaba ao equipo tras un encontro de sanción, e fíxoo fronte ao Escobedo con gol e deixando unha gran sensación coa súa actuación. Benjamín Garay foi o xogador escollido polo Pontevedra Club de Fútbol para comparecer este mércores na sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón tras o adestramento do primeiro plantel na Xunqueira. "Viña de non xogar por sanción e sempre que xogo na casa, en Pasarón, é unha motivación extra, así que moi feliz sobre todo polo tres puntos", afirmou o defensor granate. Garay mostrouse contento "sobre todo por partir da base de deixar a portaría a cero e a partir de aí crecer". Un obxectivo que se marca tamén para a próxima saída, ao feudo do Rayo Cantabria, un filial que conta con "mozos que son moi bos, que moitos estarán coa dinámica co primeiro equipo. Nós iremos coa nosa idea, o noso fútbol a tentar volver cos tres puntos a casa", asegura. O que non quere facer Garay é mirar moito máis alá da próxima fin de semana, e moito menos distraerse co duelo directo contra o Numancia que asoma no horizonte, e é que "temos que ir día a día, porque ao final todos os puntos son importantes". Ademais "as segundas voltas sempre son máis apertadas, porque os equipos se xogan cousas, tanto os de arriba como os de abaixo", defende. Por ese motivo "son partidos máis complicados, nos que os equipos tentan cometer os menos erros posibles e hai moitos empates e poucos goles", finalizou o futbolista do Pontevedra.