Este mércores 26 de febreiro, celébrase no Auditorio Novo de Ribeira a cuarta fase previa do Club de Debate Alingua, que reúne a estudantes de distintos puntos de Galicia para poñer a proba as súas habilidades oratorias. Entre os participantes atópanse catro equipos do Concello de Pontevedra: os conxuntos 1 e 2 do IES Luis Seoane e os grupos Faladores e Calasancio II do Colexio Calasancio. Ao longo da xornada, os estudantes debateron sobre o impacto do turismo en Galicia, tendo que defender tanto posicións a favor como en contra da afirmación "A masificación turística é un problema en Galicia". O formato da competición esixe que os equipos expoñan argumentos sólidos e contrastados, avaliados por un xurado de profesionais de diversas áreas. Os equipos, de entre 4 e 10 persoas, están formados por alumnado de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e cursos equivalentes dos ciclos formativos dos concellos participantes. Ademais, contan cun profesor que os asesora e prepara previamente en técnicas de argumentación e comunicación oral. O certame, que este ano conta coa participación de 32 equipos pertencentes a 20 institutos galegos, comezou o pasado 21 de febreiro en Narón e concluirá nunha final o 26 de abril en Vilagarcía de Arousa. No seu conxunto, preto de 300 mozos e mozas están a demostrar nestes días o seu dominio da argumentación e da oratoria en galego. Antes de chegar ás fases clasificatorias, os participantes asistiron a xornadas formativas en Pontevedra, Rois e Narón, onde recibiron asesoramento sobre estratexias de debate e realizaron simulacións para preparar os seus discursos. Máis alá da competición, o Club de Debate Alingua busca fomentar o pensamento crítico, o traballo en equipo e a socialización en galego a través de dinámicas de interacción entre os participantes. A iniciativa, promovida pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), conta co apoio de diversos concellos, incluído o de Pontevedra. A competición continuará nas próximas semanas con novas eliminatorias antes da gran final, onde os equipos gañadores de cada fase terán a oportunidade de demostrar as súas habilidades na derradeira proba do certame.