Os Premios Martín Códax da Música 'conectarán' coas cantareiras e a poesía oral tradicional na súa duodécima edición

Wait 5 sec.

Pontevedra renova o seu 'idilio' cos Premios Martín Códax da Música. A gala da duodécima edición destes galardóns, que premian cada ano os mellores traballos musicais dos artistas galegos, volverá celebrarse na Boa Vila. Será o 28 de maio no Pazo da Cultura. A organización, sen revelar aínda os detalles, avanzou que a cerimonia gardará unha estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía oral tradicional. A Sala Capitol de Santiago, un dos espazos referentes para a música ao vivo en Galicia, acolleu este mércores a presentación desta nova edición dos premios, un acto que serviu como arranque para o proceso de presentación de candidaturas. Bandas e artistas poderán inscribirse nas quince categorías dos premios entre os días 3 e 23 de marzo. Nos últimos anos, inscríbense máis de catrocentas candidaturas, segundo destacou a presidenta de Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia. As quince categorías musicais serán pop e indie; rock e punk; blues, funk e soul; metal e heavy; canción de autor/a; músicas urbanas; músicas do mundo e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional; música folk; música infantil; orquestras, grupos e música de verbena; e bandas de música popular. A elas sumarase a categoría extraordinaria de artista emerxente, que desde a súa creación premiou á cantante Antía Muíño (2022), ao compositor e pianista Sergio de Miguel (2023) e á artista e compositora compostelá Gloria Pavía (2024). Ademais, os Premios Martín Códax da Música contemplan os tres galardóns Organistrum dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical, que segundo Sheila Patricia son "cómplices necesarios" no sector musical galego. Antes da gala, coñecerase tamén o premio honorífico deste ano, concedido nas tres últimas edicións a Fuxan os Ventos (2022), Luz Casal (2023) e Emilio Cao (2024). Na presentación dos premios, o concelleiro de Cultura en Pontevedra, Demetrio Gómez, destacou a importancia que ten "tirar da cultura e da música galegas", algo que "ademais de ser unha aventura marabillosa é unha obriga para as institucións". O director da Axencia Galega das Industrias Culturais de Galicia, Jacobo Sutil, subliñou que o sector musical "está a atravesar un bo momento" e o deputado de Cultura na Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, apuntou a forza que ten a cultura "para sumar vontades". O PÚBLICO TAMÉN DECIDE OS PREMIOS Unha vez rematado o prazo de inscrición dos proxectos, un xurado profesional estudará e valorará as candidaturas nun proceso, durante o mes de abril, do que sairán tres finalistas en cada unha das categorías dos Premios Martín Códax da Música. Tras o encontro dos finalistas, que se desenvolverá a primeiros de maio nas Bodegas Martín Códax en Cambados, comezará a segunda fase de votacións, que se pechará o 25 de maio. Aquí deciden os socias e socios de Músicas ao Vivo e, desde 2024, o público xeral.