O Torreiro publica un disco recompilatorio para manter viva a tradición oral de Forzáns

Wait 5 sec.

O Pazo Provincial acolleu este luns a presentación do disco recompilatorio da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns, de Ponte Caldelas, que se edita grazas á liña de axudas provinciais á edición de obras en galego para a difusión de traballos de interese cultural. Este álbum recolle unha escolma das cancións que o Grupo O Torreiro leva interpretando desde fai máis dunha década polos seráns da Comarca. O título do disco é "Os seráns do Verdugo-Oitaven. Recuperación e conservación do patrimonio inmaterial". O deputado de Cultura, Jorge Cubela, sinalou que "grazas ás achegas da Deputación de Pontevedra estamos a axudar a manter vivas as tradicións orais desta provincia e de toda Galicia". Cubela anuncio que esta acción será o punto de partida da programación que a Deputación vai levar a cabo co gallo das Letras Galegas deste ano, que están dedicadas á poesía popular oral, "na que figuras como as cantareiras e as pandeireteiras teñen un papel fundamental". O Torreiro de Forzáns, presidido por Antón Xil, conseguiu para este proxecto unha achega de máis de 2.000 euros na convocatoria de 2024, unha liña de axudas que conta cun orzamento de 100.000 euros, 10.000 máis que na anterior anualidade. "Grazas a esta colaboración, estamos poñendo o noso gran de area para que esta importantísima tradición popular e oral da nosa cultural non esmoreza ao caer no esquecemento", valorou Jorge Cubela, que tamén salientou o compromiso da Deputación co asociacionismo.