O portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez valorou como un "fracaso" o modelo de transporte a demanda denominado 'Coche de Punto' no municipio, do que responsabilizan directamente ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. O PP critica que esta medida posta en marcha polo Concello de Pontevedra para mellorar a conexión entre o rural e o centro urbano "tardou case unha década en materializarse" o que, a xuízo de Rafa Domínguez reflicte "unha preocupante falta de axilidade política". Este servizo entrou en funcionamento en outubro e durante os tres primeiros meses foi gratuíto, pero xa desde o pasado 17 de febreiro os usuarios teñen que pagar 2,15 euros por viaxe. En total realizáronse 698 servizos entre outubro e xaneiro que sumaron 4.602 quilómetros e segundo o Partido Popular "só para o coche de punto, Lores gasta 300.000 euros de todos os pontevedreses". "Lores volve tirar os cartos de todos os pontevedreses no 'Coche de Punto' porque non ten nin o tránsito esperado e desde logo o custo é elevadísimo", reiterou Rafa Domínguez. Segundo as estimacións do portavoz popular, este servizo fará uns 3.000 viaxes ao ano "isto quere dicir que aos pontevedreses cada traxecto do 'Coche de Punto' vailles saír en máis de 100 euros". "Resulta máis barato ir en limusina a Marcón que co 'Coche de Punto'", manifestou Rafa Domínguez. "Creo que podemos falar dun fracaso económico indubidable", sentenciou. O Partido Popular esixiu explicacións ao goberno local e solicitou unha lista das viaxes realizadas con trazabilidade. O PP de Pontevedra reitera a súa aposta por "un sistema gratuíto, sostible, de calidade, cunha implementación de autobuses lanzadeira para reforzar as liñas que existen na actualidade". No "modelo de mobilidade" que propón o PP para a Boa Vila, segundo Rafa Domínguez, "primas o transporte público de maneira efectiva e verde" e está "asociado a unha rede de carrís bici".