Douscentos euros de multa a unha persoa que se negou a recoller a caca do seu can

Wait 5 sec.

As condutas incívicas teñen castigo e máis desde que en Pontevedra entraran en vigor as novas ordenanzas, a de residuos e a de benestar animal, que buscan pór freo a comportamentos que danan a convivencia entre os cidadáns. Ata once sanciones impuxo a Policía Local de Pontevedra ao longo do último mes para castigar a quen non cumpre coa normativa e contribúe a ensuciar a cidade. A máis grave, cunha multa de 200 euros, foi para unha persoa que se negou a recoller os excrementos do seu can. Fíxoo despois de que os axentes, que foran testemuñas do sucedido, afearan o seu comportamento e a instasen a limpar a rúa. Neste caso, a sanción inicial era de 100 euros, pero a desobediencia do dono do animal, que aseguraba que a caca non era do seu can, duplicou a súa contía. Outras dez denuncias, segundo desvelou a edil responsable da área de seguridade cidadá, Eva Vilaverde, producíronse en base á ordenanza de residuos, que entrou en vigor a finais do pasado mes de xaneiro. Cinco destas sancións foron a persoas sorprendidas ouriñando na vía pública, mentres que dúas se estableceron por cuspir na rúa, outras dúas por depositar residuos voluminosos nos colectores e unha por tirar unha cabicha de tabaco ao solo. Todos os cidadáns multados deberán pagar 80 euros por protagonizar estes actos incívicos, ao ser considerados feitos leves en base á normativa municipal. Este tipo de episodios, se son considerados graves, poden carrexar multas de ata 750 euros.