O ciclismo profesional foi protagonista este xoves 27 de febreiro na comarca coa segunda etapa de O Gran Camiño, ronda por etapas galegas que chega este ano á súa cuarta edición. Un notable número de afeccionados, con presenza de escolares, déronse cita na Escola Naval de Marín para gozar da saída de etapa desde o interior das instalacións militares. Os seguidores gozaron de toda a insfraestructura que supón unha proba destas características, con equipos de categoría World Tour como Movistar, Groupama FDJ e Soudal Quick-Step, ademais de escuadras Continental Prol e Continental. Moitas das miradas estaban postas no ciclista que chegaba como líder tras a primeira xornada, disputada en terras portuguesas, o noruegués Magnus Cort (Uno-X Mobility). Tras o obrigatorio control de firmas e a cerimonia de saída, con presenza de autoridades e de, entre outros, o gañador das tres grandes Alberto Contandor, o pelotón deixou atrás a Escola Naval para iniciar os 133,1 quilómetros de etapa con final na Estrada. Saída da segunda etapa de O Gran CamiñoMónica Patxot Os primeiros quilómetros, neutralizados, levaron o pelotón cara a Pontevedra, atravesando por pleno centro urbano da Boa Vila. Así os corredores pasaron por diante da Casa Consistorial e até do santuario da Peregrina, atravesando a zona comercial de Benito Corbal subindo cara a Loureiro Crespo antes de pór rumbo cara á Avenida de Compostela, onde se daba paso á saída lanzada en dirección a Barro e á primeira ascensión puntuable da xornada, en San Antoniño. Un percorrido que foi seguido por moitos pontevedreses a pé de rúa, en pleno horario comercial e laborable. Toda unha festa do ciclismo que terá continuidade no verán coa saída de etapa de La Vuelta Ciclista a España prevista desde Combarro, en Poio. [galleries:horizontal:10191]