Levo unha tempada dándolle voltas a problemas que me xorden ao conducir. Acabo pensando que hai cousas que me fan adrede. Serei eu? — vou dicíndome mentres conduzo. A resposta sempre é a mesma: non. O problema é de quen deseña o trazado. De quen pon, e onde, os pasos de peóns ou os semáforos. Cando ía á escola ensináronme que os semáforos tiñan tres cores. A vermella para parar, a verde para pasar e a ámbar para ir atento. Hai cidades como a nosa na que moitas destas luces están permanentemente en ámbar intermitente, hai que ir con coidado, nin moi amodo nin moi de présa. Cando chegas á altura do paso de peóns ves que teñen o seu paso en vermello, por iso fican parados agardando que se poña en verde. Consecuentemente os dos coches ponse en vermello para que pasen os peóns. Entón, porque non están e xeito clásico de verde ou vermello e non en intermitente ámbar como adoitan estar. É por amolar? Aínda hai máis, neste tipo de semáforos as fins de semana, algúns, póñense en ámbar intermitente continuo e a luz de parar ou pasar dos peón apágase, converténdose nun simple paso de peóns, así que hai que esquecerse de como funciona toda a semana e pensar que o peón ten sempre prioridade. Seguro que esta medida esta tomada por sisudos psicólogos polo noso ben de non facer costume conducindo. O venres fun a Lugo. Ameazaba temporal, decidín ir por Santiago e non polo Candán e Lalín. Abriron o tramo de Palas de Rei a Melide da A -54. Só teño de estrada normal a tramo de Arzúa a Melide, agora adianto máis. Saio antes de Arzúa. Mal día. Néboa. Orballo. Ía de vagar, non tiña présa. Chego a Melide e vou atento a onde teño que coller o desvío que colle cara a A-54. Nada, non hai nada que diga que por onde coller. Sigo, e sigo. Estou chegando ao centro de Melide, encrucillada cara Lugo, a Coruña ou Agolada. Nada. Ao chegar á glorieta vexo un sinal que pon A-54, mais non sei si sinala cara Palas de Rei ou cara a Agolada. Vós que fariades?. Eu como di o refrán, a onde vai Vicente?, a onde vai a xente. Fun detrás da maioría, cara a Agolada. Acertei. De potra. Acabei xurando en arameo. Á volta de Lugo baixo, coma sempre, pola Ronda de Fingoi para coller a estrada de Santiago. Esta Ronda sempre foi de dous carrís, segue sendo ata que chegas a 10 metros do cruce e ves no chan, pintado, un sinal que marca dirección á esquerda, no carril que eu ía, e no outro ou de fronte ou a dereita, polo que tiña que ir. Tiven que meterme cara abaixo e buscar un lugar para dar volta. Non se pode poñer un indicador elevado informando que cada carril ten un sentido?. O domingo quedei co meu amigo Antón para tomar unha chiquita e conteille o detalle da estrada de Santiago a Lugo e o dos semáforos. Cala —espetoume — a min pasoume outra parecida e coma ti paseime de largo e tiven que dar volta. Contoume que fora Redondela e á volta quería ir ás Salinas do Ulló para ver as Madamas e Galáns de Cobres que ían estar alí ás cinco da tarde. Xa indo tivo que ir con ollo polos cambios que houbo por mor da autovía que vai pola Fracha. Mais ao vir para aquí non soubo coller o desvío cara Vilaboa, non hai ningún indicador ou sinal que poña como facer. Acabou chegando recta de Salcedo e buscar como dar volta. Por riba — cóntame — non puxen o navegador do teléfono pensando que aínda non estaría actualizado neste tramo. Contesteille que eu nunca uso o navegador do teléfono, faime pensar que son un ignorante e líame a cabeza. Na carreira sempre saquei boas notas en topografía. No meu traballo fixen moitos levantamentos topográficos. Mais cando a voz enlatada di: "vaya hacía el suroeste", cas mans no volante ponte a pensar agora "onde carallo está o suroeste si está chovendo e non hai xeito de guiarse?" e non se debe mirar ao teléfono para guiarse que se perde visión da estrada. Iso si, o navegador sempre en castelán non vaia a ser. Nin Feijóo, nin Rueda, que odian o galego e queren que quede como unha cousa folclórica, investiron un peso para que nestas cousas estea o galego como está catalán e o vasco. Acabo botando de menos aqueles viaxes que facía cun mapa de Campsa. Circulade con coidado.