Nove días de festexos no Entroido de Vilagarcía

Wait 5 sec.

O Concello de Vilagarcía de Arousa presentou a programación do Entroido 2025, que se desenvolverá dende o sábado 1 ata o 9 de marzo cunha ampla variedade de actividades para todos os públicos. A programación busca recuperar o espírito festivo e participativo desta tradición, ofrecendo desde bailes e desfiles ata obradoiros e festivais de comparsas. A apertura dos festexos terá lugar o sábado 1 de marzo coa animación de rúa da comparsa "Marajota e Media", procedente de Vilaxoán, seguida dun baile infantil no Gato Negro do Carril. O luns 3 de marzo, a diversión continuará cun baile infantil na Praza da Peixería, animado pola Duendeneta, unha das figuras máis queridas polos máis pequenos. O martes 4 de marzo será un dos días máis destacados. Pola mañá, a asociación Zona Aberta organizará unha filloada na Praza de Galicia, mentres que pola tarde terá lugar o tradicional Desfile de Entroido polas rúas da cidade. Aquelas persoas que desexen participar no desfile deben formalizar a súa inscrición ata o 28 de febreiro na Concellería de Cultura, a través da sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ou na web municipal (vilagarcia.gal). Os premios oscilarán entre os 50 e os 1.300 euros, distribuídos en categorías como infantil, adulto, comparsas e "choqueir@". O mércores 5 de marzo, a Biblioteca Pública Rosalía de Castro acollerá un obradoiro de elaboración de máscaras, unha actividade destinada a público familiar para que nenos e adultos poñan a proba a súa creatividade. O venres 7 de marzo, o Gato Negro do Carril organizará un obradoiro de orellas e filloas, mentres que o Centro Sociocultural de Vilaxoán será o escenario dun Festival de Comparsas. O sábado 8 de marzo, Vilaxoán celebrará o Tradicional Enterro da Sardiña, un acto cargado de simbolismo e humor, seguido dun Baile de Piñata no Gato Negro do Carril. Finalmente, o domingo 9 de marzo, Carril pechará os festexos co seu propio Enterro da Sardiña, outra cita tradicional para rematar estes días de troula.