Un partido de sanción a Gualther Furtado por unha "leve desconsideración" cara aos árbitros

Wait 5 sec.

Baixa importante para o Club Cisne na súa visita o vindeiro sábado 1 de marzo á pista do líder da División de Honra Prata, o Caserío Ciudad Real. O equipo pontevedrés non poderá contar con Gualther Furtado por sanción. O primeira liña caboverdiano foi descualificado nos segundos finais do duelo da última xornada contra o Proin Sevilla. Foi debido a unha protesta aos colexiados tras un sete metros que supuxo a exclusión do seu compañeiro Iván Calvo e o momentáneo 31-33 no marcador, a medio minuto da conclusón. Un tanto que resultaría decisivo ao deixar o Cisne sen opcións xa de puntuar. Agora o Comité de Competición confirma a suspensión dun encontro a Furtado "por leve desconsideración de palabra cos árbitros do encontro". Podía ser peor, pero tal e como recoñece Competición na súa resolución houbo "arrepentimento espontáneo" por parte do xogador, o que rebaixou o castigo ao mínimo. Desta forma Gualther Furtado non estará este sábado en Cidade Real pero si poderá xogar o mércores día 5 de marzo na Copa do Rei. Ese día, festivo local na cidade, o Cisne recibirá o Torrelavega no Municipal ás 19.00 horas na eliminatoria de segunda rolda do torneo copeiro.