A programación coa que Poio vai conmemorar o Día Internacional da Muller arranca o venres 7 de marzo coa homenaxe "Mulleres que fan Poio", na que se recoñecerá a traxectoria de cinco veciñas do municipio. O alcalde, Ángel Moldes, presentou este xoves as actividades previstas xunto á concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, o persoal do Centro de Información á Muller (CIM) de Poio e de Quique Morales, autor do documental. Carmen Agís Rosales, de Raxó e propietaria do restaurante Lameiriña; Rosalía Lores Tobío, de Samieira, a alma do Entroido de Samieira e cunha importante implicación en numerosos colectivos, serán dúas das mulleres homenaxeadas este 8M. A elas sumaranse Alicia Martínez González, de Combarro, cunha grande vocación de servizo público, como enfermeira e durante uns anos tamén concelleira da corporación; Ángela Fernández Carballa, de San Xoán, emprendedora do sector do mar; e Peregrina Veiga Ortiz, de San Salvador, do restaurante Casa Angelita. Son unha representante de cada parroquia, propostas polo Consello Municipal da Muller, que destacan pola súa traxectoria persoal, social ou laboral, "mulleres que abriron camiño, loitadoras, e que son exemplos de diferentes realidades que existen no noso concello". Outra veciña de Poio, a artista Mai Ferreira, exporá os seus collage na mostra "Mulleres (in)visibles", que se poderá visitar no Casal de Ferreirós entre o 14 e o 28 de marzo. Ademais da exposición, a artista tamén impartirá un obradoiro no IES de Poio sobre a súa obra e a técnica do collage dixital entre o alumnado de artes do instituto. Tamén para o alumnado de Secundaria se inclúe a proxección de varias curtas con temática sobre igualdade para reflexionar tras o seu visionado e establecer un debate, en colaboración coa Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas. Ademais, no centro colocarase o stand 'Agressión off: eu digo non á violencia sexual', en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, para reflexionar sobre o bo trato nas primeiras relacións, para identificar as tipoloxías da violencia sexual, evitar ditas agresións e incidir nunha educación afectivo sexual alternativa á pornografía. Por último, para os centros de primaria tamén se destina outra parte importante da programación, conscientes de que "involucrar ás xeracións máis novas é fundamental para rachar estereotipos e seguir avanzando", subliñou o alcalde. Así, os contacontos de Polo Correo do Vento coas historias das cinco homenaxeadas polo 8M visitarán todos os colexios para que "coñezan as historias de superación das súas veciñas".