Dous meses despois de ser agredido nas bancadas do pavillón de Vilalonga, o espectador que foi vítima do violento suceso segue "en estado crítico". Así o confirma a Federación Galega de Balonmán, actualizando o estado do home, avó do colexiado daquel encontro de categoría cadete feminina entre Sanxenxo Balonmán e BM Rasoeiro. Segundo a Federación este veciño do Grove, ingresado na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, "atópase en coma, cun prognóstico moi pesimista que tan só se podería reverter cun auténtico milagre". "A familia de Andrés está a sufrir un auténtico inferno, nestes momentos el segue en coma, non se sabe si poderá espertar nalgún momento e aínda non se coñece realmente o alcance das lesións", explica nun comunicado o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López. Para o dirixente "costa comprender que por un delito menor se poida deter a alguén e por provocar consecuencias tan graves como estas non se procedese do mesmo xeito", acusa. López sinala que "a familia está a centrar toda a súa atención na evolución médica de Andrés, pero paralelamente hai aberto un proceso xudicial que aínda que vai máis lento do que nos gustaría, confiamos en que finalice dirimindo responsabilidades dunha maneira contundente, algo que nunca vai paliar o dano provocado a esta familia pero que polo menos nos axude a evitar que sucesos como este volvan suceder". "Son feitos que tiveron consecuencias moi graves, pero non foron feitos illados, desgraciadamente os incidentes relacionados coa violencia son máis habituais do que moita xente pensa", afirma Bruno López sobre un caso que provocou o peche ao público dos pavillóns galegos durante un mes. A consecuencia deste suceso, a Federación Galega de Balonmán promoveu a campaña #AsíSí, baseada nun 'Plan Estratéxico Contra a Violencia' que impulsou diversas iniciativas, algunhas xa en marcha e outras que se irán implementando en próximas datas en colaboración cos clubs e o colectivo arbitral.