O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Poio critica duramente a situación do servizo de Policía Local no Concello, que leva catro meses sen cubrir a quenda de tarde, o que está a afectar gravemente á atención á veciñanza, segundo os nacionalistas. A voceira do BNG no concello, Marga Caldas, denuncia a "incapacidade" do alcalde, Ángel Moldes (PP), para resolver un problema que xa non pode ser considerado "puntual" e insta ao goberno local a tomar medidas "reais" para normalizar o servizo. Caldas afirma que a veciñanza de Poio non ten "nin de lonxe" o servizo de Policía Local que precisa, especialmente nas tardes, cando o corpo non está operativo dende hai catro meses. A nacionalista recordou que, malia as dificultades históricas para cubrir quendas e permisos, o Concello sempre atopara solucións ata este mandato, coa incorporación de axentes en comisión de servizos, traslados temporais ou a chegada de novos efectivos dende a academia. "O noso goberno sempre atopou a maneira de garantir a atención. Houbo prazas en rotación, mais a Policía sempre estivo activa sen eliminar quendas", subliñou Caldas referíndose a anteriores mandatos co BNG e o PSOE cogobernando. A situación actual é, segundo Caldas, "totalmente precaria". O BNG presentou no mes de decembro unha moción no Pleno para crear unha Comisión Especial de Seguridade co fin de buscar solucións, pero a proposta foi rexeitada polo goberno local, que alegou que xa se estaban a realizar as "xestións necesarias". Dous meses despois, denuncian que a situación non mellorou: "Agora mesmo non hai nin o primeiro resultado: a Policía Local segue pechada polas tardes e as veciñas e veciños non teñen servizo". A falta de efectivos está a ter consecuencias graves para a veciñanza. Segundo a denuncia do BNG, todas as incidencias que se producen fóra do horario de mañá (entre as 08.00 e as 14.00 horas), como roubos, accidentes, problemas de tráfico ou casos de violencia, teñen que ser derivadas a outros corpos de seguridade ou xestionadas con demora. Sinalan tamén que, aínda que existen outros servizos de emerxencia e Protección Civil, a ausencia da Policía Local está a xerar atrasos na atención e na xestión burocrática, así como problemas para a celebración de eventos no espazo público por falta de permisos. Ademais, Caldas criticou que a memoria da Policía Local publicada recentemente non fai referencia aos servizos non cubiertos pola supresión da quenda de tarde. Segundo datos do sindicato CSIF, nos primeiros 26 días de peche da quenda, deixáronse de atender 163 chamadas e 38 servizos. "Se esas eran as cifras por case un mes de peche, despois de catro meses, facendo unhas contas simples, estamos a falar de que a Policía de Poio deixou de atender unha cifra enorme de servizos", sinalou a portavoz nacionalista, quen instou ao alcalde a facilitar "e non agochar" os datos reais sobre as chamadas e servizos non realizados. O BNG anunciou que presentará unha nova moción no próximo Pleno para reiterar a necesidade de incorporar os efectivos necesarios e garantir un servizo de Policía Local completo.