Queren contratar 22 persoas para turismo, medio ambiente, servizos sociais e cultura en Poio

Wait 5 sec.

O Concello de Poio contratará 22 de persoas en situación de desemprego a través do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, que destinará 234.075,45 euros para estas incorporacións. O alcalde, Ángel Moldes, destacou que estas contratacións permitirán reforzar diversos departamentos e servizos municipais que necesitan máis persoal, especialmente aqueles que realizan traballos estacionais. Ademais, esta medida representa unha oportunidade laboral para os veciños e veciñas que se atopan en procura de emprego. Dentro do plan contemplan a contratación de dous traballadores de ciclo superior de Turismo para reforzar as tarefas de información, guía e asistencia durante sete meses. Tamén contratarán dez persoas para revalorizar os espazos públicos e protexer o medio ambiente, mentres que cinco operarios de servizos múltiples se encargarán do mantemento de espazos públicos, rehabilitación, roza de rutas municipais, limpeza de camiños e carreiros, e mantemento de praias. A maiores incorporarán tres condutores e dous electricistas, todos eles oficiais de primeira, cuxos contratos oscilarán entre catro e nove meses. O persoal de limpeza verase reforzado con catro contratos de nove meses, do mesmo xeito que o servizo de conserxería, que contará con tres novas incorporacións para mellorar o funcionamento e a limpeza de centros de traballo e instalacións deportivas municipais. No ámbito dos servizos sociais, contratarán a unha auxiliar de clínica durante tres meses e un traballador social por nove meses. Estes perfís reforzarán a atención e o apoio que prestan aos usuarios os servizos sociais no municipio. Finalmente, o servizo de cultura municipal contará cun animador sociocultural-técnico de cultura durante nove meses, un posto que consideran necesario para mellorar a prestación dos servizos nesta área, que conta cunha gran cantidade de eventos e programación ao longo do ano. As persoas candidatas deberán estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) como demandantes nas categorías profesionais solicitadas. O SEPE será o encargado de realizar a preselección dos aspirantes. SOCORRISTAS Doutra banda, e ademais destas contratacións, o Concello de Poio, solicitou unha axuda á Xunta de Galicia para contratar a seis socorristas durante os meses de verán e así dar servizo ás praias de Cabeceira e Siorto. O importe destas contratacións ascende a 42.222 euros, dos que a Xunta subvencionaría, como máximo, un 90% dos custos, o que suporía ata un máximo de 40.000 euros.