O Concello de Marín presentou este venres a programación do Entroido 2025, unha festa que se estenderá dende o 24 de febreiro ata o 23 de marzo e que converterá a vila nun referente do espírito entroideiro. Os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos foron os encargados de desvelar o cartel deste ano, obra da ilustradora Julia Lago, e de detallar un programa de actividades para todas as idades, coa colaboración de diversas entidades culturais e sociais do municipio. A imaxe do Entroido 2025 xoga coa estrutura da carriola e inclúe elementos icónicos da festa, como unha viúva chorando, a sardiña ou un merengue, representando así a esencia desta celebración tradicional. Presentación do Entroido 2025 en MarínConcello de Marín PROGRAMACIÓN DESTACADA O Entroido en Marín arrancará o 24 de febreiro coa inauguración da Exposición Fotográfica do Entroido no Ateneo Santa Cecilia, que permanecerá aberta ata o 14 de marzo. Ese mesmo día comezarán as charlas sobre o Enterro da Sardiña nos centros educativos, organizadas polo Ateneo. O 28 de febreiro, o Entroido Solidario terá lugar no Multiusos, con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras, organizado pola Asociación No Estamos Solos. Nesa xornada, os Cantos de Taberna encherán de música os bares da cidade, e o Ateneo acollerá unha conferencia de Manuel Dopazo sobre os Entroidos. O 1 de marzo, o Desfile Infantil tomará as rúas de Marín, partindo da Alameda e rematando no Parque Eguren, onde terá lugar a Gran Festa Infantil con música, animación, obradoiros e filloas de balde. Xa o 2 de marzo, o Desfile de Adultos será o gran protagonista, con comparsas, disfraces e carrozas que percorrerán as rúas da vila ata o Parque Eguren, onde se entregarán os premios. O luns 3 de marzo, o Velorio do Enterro da Sardiña terá lugar no Concello, mentres que a Lameiriña acollerá a Festa do Merengue e unha festa infantil animada por DOLCEVITA. Ademais, o Museo celebrará unha tarde de Ludoxornadas. O 4 de marzo, o 1º Torneo de Chave Enterro da Sardiña terá lugar nos Campos de Petanca Municipais, e o Ateneo acollerá a Entrega de Premios do Concurso de Orellas e Filloas. O 5 de marzo, Mércores de Cinza, o Enterro da Sardiña será o acto central, co tradicional velorio no Palco da Música e a saída do cortejo, que percorrerá as rúas da vila ata a Praza do Reloxo, onde se despedirá cun pregón. O 8 de marzo, a parroquia de Seixo celebrará o seu propio desfile de Entroido, cunha homenaxe á Burra Chirica e unha animada sesión de música e baile. Finalmente, o 23 de marzo, o Desfile de Entroido de San Xulián, organizado pola Comparsa Os da Caña, pechará as festas.