Pontevedra pide a "colaboración de todos" ante o complexo dispositivo de mobilidade para o Multisport

Wait 5 sec.

'Ante todo, moita calma!'. Esa é a frase que encabeza o folleto explicativo elaborado polo Concello de Pontevedra con todas as recomendacións, instrucións e restricións de mobilidade de cara aos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon que se celebrarán na cidade do 20 ao 29 de xuño. "Trátase do plan de mobilidade máis complexo e ao mesmo tempo máis preciso e sotisficado feito por esta cidade para un evento", asegurou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, nunha rolda de prensa na que deu a coñecer o dispositivo. "Coma sempre a finalidade é que a cidade sufra o menos posible as consecuencias negativas e poida desfrutar ao máximo das positivas. Son nove días de competición nos que estará abarrotada de deportistas e esperemos que de xente a cidade de Pontevedra", explicou a edil. "Pido de antemán desculpas", sinalou Vilaverde solicitando "a colaboración de todos" para poder vivir en Pontevedra un "espectáculo único". En total elaboráronse 15 mapas con recomendacións e restricións tanto a nivel xeral de toda a cidade como específica para cada xornada de competición ou zona afectada. Todos e cada un destes mapas, así como toda a información necesaria, pode consultarse na páxina web oficial dos Mundiais Multideporte de Tríatlon. Mapa da 'zona cero' do Multisport de Tríatlon na Avenida de Bos AiresConcello de Pontevedra Ademais imprimíronse 30.000 exemplares dun folleto explicativo que serán repartidos por toda Pontevedra e colocarase cartelaría específica en cada unha das zonas da cidade, ademais de terse mantido reunións con empresas, colectivos e entidades. "Pedimos que o coche se utilice únicamente cando sexa imprescindible e evitando as zonas de competición", sinalou a responsable municipal facendo fincapé por unha banda na denominada 'zona cero' do evento, o tramo da Avenida de Bos Aires cara a Monte Porreiro xunto á ponte dos Tirantes, que permanecerá pecho ao tráfico rodado do 20 de xuño ao 1 de xullo, e polo outro ás afectacións na N-550 especialmente o domingo 29 de xuño co tríatlon de longa distancia que afectará a esta via nacional entre Barro e Estribela de 7.00 a 21.30 horas. Plan de mobilidade do Multisport de Tríatlon para o domingo 29 de xuñoConcello de Pontevedra Eva Vilaverde ofreceu ademais na súa comparecencia algúns datos do impresionante dispositivo de seguridade e mobilidade, que necesitará de 850 persoas entre voluntarios e persoal contratado para os controis e puntos de cruzamento dos circuítos (non se inclúen aos voluntarios deportivos), 30 médicos, 41 ambulancias, 56 socorrisatas, 40 piragüistas, 25 embarcacións, 99 motos e até un hospital de campaña. Involucrarase a persoal da Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil, Brilat, Bombeiros de Pontevedra e Protección Civil ademais de persoal doutros servizos como Viaqua, Prezero ou o servizo municipal de Deportes. Habilitouse o teléfono 986 833 080 para calquera consulta máis concreta sobre desprazamentos durante estes días e o correo electrónico policialocal@pontevedra.eu, no que será necesario deixar un número de teléfono.