Os obradoiros de sensibilización en igualdade chegan a máis de 750 estudantes pontevedreses

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra, a través do Centro de Información á Muller (CIM), estivo a desenvolver durante este curso un amplo programa de obradoiros de sensibilización en igualdade nos centros educativos da cidade. Nesta iniciativa participaron xa máis de 750 alumnos de diferentes niveis educativos, desde Primaria até Bacharelato e Formación Profesional. No ámbito da Educación Primaria, os obradoiros chegaron xa a máis de 200 estudantes dos centros CEIP Manuel Vidal Portela, CEIP San Martiño e CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez, e nos vindeiros días desenvolveranse tamén no CEIP Froebel, CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos e CEIP Campolongo. As temáticas tratadas inclúen a educación afectivo-sexual, a corresponsabilidade no fogar e a detección do machismo, a través das propostas didácticas: Sexualidade con I de Igualdade, Machismo Game Over e Xincana da Corresponsabilidade. En Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO), máis de 350 estudantes de seis centros (IES Luís Seoane, IES A Xunqueira, IES Valle Inclán, IES Frei Martín Sarmiento, Centro Sagrado Corazón de Placeres e o IES Valle Inclán) participaron en obradoiros como Hackeando ao machismo, Buzón Vermello e Gamers e Influencers, que abordan temas como os estereotipos de xénero nas redes sociais, o acoso, o consentimento e a cultura dixital desde unha perspectiva feminista. En Bacharelato e Formación Profesional, as actividades chegaron a máis de 200 alumnos dos centros CIFP Carlos Oroza, CIFP Montecelo, IES Frei Martín Sarmiento e CIFP A Xunqueira, con charlas como Trivial: Canto sabes de educación sexual?, Outra charla de igualdade? e ERROR 404: Igualdade not found, que ofrecen espazos de reflexión crítica e diálogo adaptados á realidade xuvenil. Obradoiros de igualdade, no IES Luis Seoane Estes obradoiros, que se están a impartir ao longo de 2025, teñen como obxectivo promover a igualdade real entre mulleres e homes desde idades temperás, xerando conciencia e ferramentas para identificar e combater o machismo nas súas múltiples formas. A resposta do alumnado e do profesorado está a ser moi positiva, e dende o CIM destacan o valor deste tipo de intervencións para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.