O Concello de Caldas de Reis recibiu dúas propostas para a localización definitiva da súa nova oficina de turismo na Rúa Real. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, explicou que os equipos técnicos municipais están actualmente revisando a documentación e verificando que os locais ofrecidos cumpren coas especificacións requiridas para que a oficina abra as súas portas ao público o próximo mes de xullo. Esta iniciativa municipal de establecer a oficina turística de forma permanente na Rúa Real busca maximizar o alcance á multitude de peregrinos que diariamente pasan por esa rúa para entrar na vila. De feito é que, tal e como lembrou Fariña, os datos de consultas do punto provisional situado nesta mesma rúa o ano pasado xa confirmaron o acerto de trasladar a oficina desde o seu anterior emprazamento na Tafona, batendo un récord de 10.000 visitas durante a tempada activa, que abarcou de agosto a novembro. É por iso que desde o Concello queren habilitar unhas instalacións axeitadas e estables para darlle aos visitantes unha información máis completa e accesible, xusto no corazón histórico de Caldas e no eixo do Camiño Portugués. Para a licitación do aluguer do inmoble, o goberno local especificou a necesidade de atopar unhas dependencias diáfanas de polo menos 50 metros cadrados, coa posibilidade de dispor de espazo adicional para unha sala de exposicións. Valorouse especialmente que contasen cunha fachada ampla, priorizando os inmobles situados en esquinas para unha maior visibilidade. O contrato de arrendamento para a futura oficina terá unha duración mínima de dous anos, con posibilidade de prórroga, e un custo mensual máximo de 861 euros máis IVE (1.042 euros en total). A selección da mellor oferta basearase na rebaixa sobre o custo de arrendamento (50 puntos), a extensión da fachada (25 puntos), a superficie total do local (15 puntos) e a localización en esquina (10 puntos). Unha vez que se formalice o contrato de aluguer, o Concello procederá á instalación do mobiliario, a colocación da rotulación e os vinilos identificativos do departamento de Turismo, e a posta en marcha dos servizos esenciais como telefonía, internet e subministración de auga.