O BNG critica a supresión de cen prazas libres de estacionamento en Sanxenxo

Wait 5 sec.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo critica a decisión do goberno local de limitar o espazo de estacionamento libre na Florida, nas inmediacións do colexio, así como na rúa Rafael Picó e nas proximidades do parque do Espiñeiro, en Portonovo. Segundo os nacionalistas, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Marín "afonda no problema" da "acuciante falta de espacios para estacionar" con esta supresión de preto dun cento de prazas libres nos núcleos de Portonovo e Sanxenxo. "Por desgraza, os esforzos do Partido Popular non van dirixidos a dar resposta ás necesidades da veciñanza, senón a subir impostos e encher de cemento a contorna de Silgar", critican os nacionalistas. Segundo o Bloque, esta medida non foi advertida nin notificada de xeito previo á veciñanza. "Esta é unha proba máis da falta de transparencia e do absoluto escurantismo co que traballa o señor Martín", lamenta o voceiro do grupo da oposición, Fran Leiro. Nos últimos días, moitos residentes destas rúas en Portonovo advertiron do incremento de multas. "Redúcese o estacionamento e non se lle dá ningún tipo de alternativa nin aos veciños e veciñas nin ás persoas que precisan dos seus vehículos particulares para desprazarse para ir a traballar", critica o BNG. O Bloque incide en que, no caso de Portonovo, "este problema agrávase" pola eliminación de máis de 40 prazas nas inmediacións de Caneliñas, como consecuencia da reforma efectuada na contorna do Mirador da Peixeira e engaden os espazos que se perderán tamén coa reforma da Rúa Panadeira en Sanxenxo, que une Progreso coa avenida de Madrid, "unha actuación que tamén limitará o estacionamento". Por último, o BNG denuncia o "mal estado" no que se atopan os terreos do aparcadoiro disuasorio situado nas inmediacións do Novo Templo de Sanxenxo, no que as fochancas e a irregularidade do terreo dificultan o tránsito de vehículos.