A demolición dunha casa e o acondicionamento dunha parcela mellorarán o tramo do Gafos na Ponte Nova

Wait 5 sec.

O Concello de Pontevedra vén de asinar a acta de implantación da creación dunha zona de estancia no río dos Gafos. Trátase dun proxecto que inclúe a demolición dunha edificación (antigo lavadoiro) á altura da rúa Ponte Nova número 5 e o acondicionamento de toda a parcela con espazos de sol e sombra, e de lecer. O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, responsable da obra, explicou que "o acondicionamento pode iniciarse neste mes e estar rematado no outono". Nestes días , o edil acompañou aos servizos técnicos municipais e a empresa encargada da súa execución ao Gafos para asinar o documento formal de inicio da intervención. A empresa GPD Construcciones S.L. será a encargada de realizar a obra que ten un custe de 43.439 euros. O proxecto recibiu unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia de 38.688 euros incluída dentro da liña para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos. Esta mellora na parte baixa do río Gafos supón intervir nun espazo de preto de 170 metros cadrados, dos cales 94 metros cadrados están ocupados pola edificación ruinosa, que hai décadas era usada como lavadoiro e que non ten valor patrimonial ou arquitectónico. De feito, son visibles na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor. Polo tanto, a intervención inclúe o seu derrube e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo accesible para o gozo da veciñanza ou dos paseantes que se acheguen até alí. Xaquín Moreda lembra que ademais das grandes obras, tamén hai outras de menor envergadura como esta que "son tamén fundamentais para a cidade e non menos importantes, pois teñen un impacto diario na súa contorna, mellorando a calidade de vida da veciñanza e dos espazos públicos". Sinatura da acta de implantación da creación dunha zona de estancia no río dos Gafos