A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este martes 8 de xullo o xuízo contra un home acusado dun delito de malos tratos habituais no ámbito da violencia de xénero e catro delitos de lesións, a metade deles con deformidade. A Fiscalía solicita que se lle impoña unha condena de 23 anos de prisión. Segundo relata o escrito de acusación do Ministerio Público, o acusado mantivo unha relación sentimental coa súa parella desde agosto de 2016 até marzo de 2018. Entre ese ano e 2024 o acusado estivo en paradoiro descoñecido, até a súa detención, que motivou a reapertura do procedemento xudicial. Durante todo o tempo que durou esta relación, este home, que ten antecedentes penais non computables a efectos desta causa, "veu ameazando e agredindo de maneira continuada" á súa parella. Segundo sinala a Fiscalía, este individuo someteu á súa compañeira "a unha situación de temor e dominación constante, protagonizando o acusado numerosos ataques de celos e de ira nos que rompía e golpeaba obxectos, finalizando agredindo á muller a maior parte das veces". A Fiscalía asegura que o acusado realizaba talles actos "considerando que tiña dereito sobre ela tratándoa coma se fose un obxecto da súa propiedade".