Un novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella evitar tratamentos contra o mildio con velocidades de ventos superiores a 11 km/h para protexer o medio ambiente e a saúde da poboación. Así mesmo, o persoal técnico recomenda os funxicidas penetrantes, cúpricos e de fixación ás ceras cuticulares nestas condicións meteorolóxicas nas que os ciclos de enfermidade se suceden moi rapidamente. Tamén recorda que hai que aplicar o primeiro tratamento insecticida contra o Scaphoideus titanus, cicadelido transmisor da flavescencia dourada, nas zonas da provincia demarcadas como obrigatorias e recomendadas polo plan de control deste patóxeno de corentena. O persoal de Areeiro segue a notar como a uva evoluciona de maneira significativa. Os días solleiros e de calor, unidos á alta humidade, son favorables ao desenvolvemento dos acios. Deste xeito, os de albariño e os doutras variedades autóctonas xa están no peche. Con todo, e ante esta meteoroloxía, aconséllase manter a vixilancia ante o oídio, pois un ataque mal controlado implicaría tamén a rotura da pel dos grans e a entrada de botrite. En canto ao black rot, non se observou presenza da enfermidade, que coas condicións meteorolóxicas e a aplicación de funxicidas nas parcelas máis sensibles, non está a dar problemas esta campaña. No caso das avelaíñas do acio, as capturas de machos de Lobesia botrana seguen sendo escasas ou nulas. Máis notable é a incidencia de acariose nas viñas e, de non tomar medidas, a colleita pode verse comprometida en cantidade e calidade. O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre o castiñeiro, xa que se seguen capturando machos de Tortrícido temperá Pammene fasciana nas trampas en Areeiro e Ponte Caldelas. Tamén continúa o desenvolvemento de eirugas de Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) sen producirse danos importantes, pero é aconsellable permanecer alerta e aplicar tratamentos se aínda non se fixo.