A Deputación saca a concurso dez parcelas industriais en Barro

Wait 5 sec.

A Deputación tramita o expediente para a adxudicación de dez parcelas no Polígono Industrial Outeda-Curro, no municipio de Barro, que ocupan unha superficie de máis de 31.000 metros cadrados. Por unanimidade, na última sesión plenaria foi aprobado o expediente de concurso público para o alleamento ou constitución dun dereito de superficie, mediante procedemento aberto, dunha decena de parcelas. Para a adxudicación destas parcelas proponse a convocatoria dun concurso público no que os interesados poden adquirir estas parcelas a través de dous réximes: coa adquisición do dereito de propiedade, por un lado: ou cun dereito de superficie por un prazo mínimo de 5 anos e máximo de 25, por outro. A superficie total supera os 31.000 metros cadrados e o prezo por metro cadrado é de 119,79 euros, IVE incluído. Coa aprobación deste acordo, a Deputación dispón a apertura do procedemento de adxudicación do concurso público cun prazo de presentación de ofertas que rematará ás 10 horas do día seguinte ao transcurso do prazo de 30 días naturais a contar desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia. A día de hoxe, das 76 parcelas das que dispón este parque empresarial só están dispoñibles 13 e tres delas xa están reservadas e tramitando a súa compra. En total, son 28 as empresas instaladas no Polígono de Barro, entre as que se atopan Froiz, Estrella Galicia, Artesa, Mafari e Frutas Moncho, entre outras.