A 32ª edición da Bienal de Pontevedra está a acadar un eco internacional histórico. A prestixiosa cabeceira francesa Le Quotidien de l'Art, considerada o diario de referencia no mundo da arte contemporánea en Europa, dedicoulle a súa portada e un amplo artigo na súa edición impresa, destacando o renacer da cita galega tras quince anos de silencio e a súa capacidade para "colocar Pontevedra no centro da actualidade". Na súa crónica, o xornal francés sinala que a mostra, titulada Volver a ser humanos, ofrece "un percorrido internacional con 60 artistas que reflexionan sobre o estado do mundo e os seus conflitos", destacando a súa aposta pola empatía e o compromiso social. O artigo eloxia a aposta pola descentralización da mostra, o uso de espazos patrimoniais como o Museo de Pontevedra ou a igrexa do Convento de Santa Clara, e a presenza de obras de artistas de referencia internacional como Eva Kotátková, Raida Adon, Miki Kratsman, Marina Núñez ou Damian Ucieda. Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación e responsable do Museo de Pontevedra, destacou que "a Bienal é hoxe un escaparate de Galicia para o mundo". "Apostamos pola calidade, pola diversidade e pola conexión co presente. Le Quotidien de l'Art confirma que estamos a facer as cousas ben, e que Pontevedra ten hoxe un lugar lexítimo no gran mapa da arte contemporánea europea", sinalou o vicepresidente. A Bienal prolongarase durante todo o verán e conta cun programa expandido por toda a provincia. O seu lema "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais" articula un discurso estético e ético que interpela ao público e sitúa a creación artística como ferramenta de transformación e diálogo. Con esta proxección internacional e un programa comprometido co tempo presente, a Bienal de Pontevedra reafírmase como unha das grandes citas culturais de Galicia e un proxecto estratéxico da Deputación para posicionar a provincia como referente da arte contemporánea no ámbito estatal e europeo.