A asociación ecoloxista Anduxía de Bueu presentou un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Natural no que amosa a súa preocupación polo modelo de instalación de enerxía solar fotovoltaica que se pretende implantar na Illa de Ons. Segundo informou o seu presidente, Suso Framil, a entidade tivo coñecemento a través da prensa de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia presentou ao Goberno Central un proxecto para instalar paneis solares na illa, co fin de incluílo nas actuacións financiadas con fondos europeos dentro do Plan Social polo Clima. Anduxía recoñece a necesidade urxente de mudar o actual sistema de produción enerxética na illa, que actualmente depende dun grupo electróxeno que consome grandes cantidades de combustible fósil. Segundo os datos que manexa a asociación, na tempada alta chéganse a consumir máis de 300 litros de gasóleo diarios, unha situación que cualifican de "inaceptable nun Parque Nacional que ademais presume de ter conseguida a Carta Europea de Turismo Sostible (CETS)". Malia estar "totalmente a favor da transición enerxética na illa cara as enerxías renovables", a asociación ecoloxista manifesta a súa inquedanza por descoñecer o modelo concreto de implantación que se vai desenvolver. No seu escrito, Anduxía pregúntase se o proxecto contempla a instalación de campos solares en determinados puntos da superficie da illa, que logo distribuirían a enerxía a través dunha rede eléctrica, ou se se trata de paneis independentes instalados casa por casa. O colectivo considera "desaconsellable" a primeira opción, xa que "produciría un impacto negativo no medio ambiente natural da Illa". Entre os prexuízos que sinalan, destacan o impacto visual, con reflexos que poderían verse incluso desde Bueu, a ocupación de grandes espazos no medio natural que afectarían os hábitats e a necesidade de instalar cableado que tamén alteraría a contorna. Ademais, alertan de que este modelo centralizaría a responsabilidade da xeración eléctrica na entidade xestora do Parque Nacional, sobrecargando o seu persoal con tarefas de mantemento e reparación da deficiente rede eléctrica existente. Fronte a este modelo, Anduxía defende a instalación de placas solares individuais en cada vivenda como "un sistema moito máis eficiente e ecolóxico, con escaso ou nulo impacto visual e sen impacto nos ecosistemas naturais da illa". Esta alternativa, segundo a asociación, tamén evitaría os problemas loxísticos derivados da xestión da rede eléctrica, xa que cada vivenda sería responsable do mantemento da súa propia instalación. No seu escrito, a asociación ecoloxista solicita formalmente que o Parque Nacional opte polo sistema de implantación das placas solares casa por casa individualmente, e pide que se lle remita unha copia do proxecto enviado pola Xunta ao Goberno Central para poder estudalo con máis detalle. Esta preocupación súmase á decisión adoptada en xuño polo pleno da corporación de Bueu de reprobar a Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola mala actuación coa veciñanza da illa, que demanda a convocatoria urxente da Mesa por Ons.