"Acto de xustiza e memoria" coa Señora Pepa, a rúa número 28 con nome de muller en Pontevedra

Wait 5 sec.

Pontevedra ten desde este sábado 28 rúas con nome de muller. A nova incorporación é a Rúa Josefa Vázquez Juncal, coñecida como señora Pepa, veciña de Salcedo coñecida polo seu papel "resistente" e resiliente durante o Franquismo e pola axuda que prestou ao resto da poboación durante toda a súa vida. A señora Pepa ten a súa nova rúa en cumprimento dun acordo plenario que contou co apoio do BNG e o PSOE e o voto en contra do PP e este sábado eses apoios víronse no acto oficial de inauguración celebrado, cunha ampla representación nacionalista e socialista e ningún representante 'popular'. O acto foi masivo. Ademais de destapar o nome da nova rúa, serviu para lembrar a figura da señora Pepa, tanto nos discursos oficiais como entre os asistentes. Alí había veciños e veciñas, persoas do mundo da memoria histórica, familiares da homenaxeada desprazados desde toda España e tamén a súa biógrafa, Montse Fajardo. Este novo nome forma parte da filosofía municipal de feminizar o rueiro de Pontevedra. Durante o acto, Isabel Dios, que falou en nome da familia, agradeceu o "compromiso coa feminización do rueiro desta vila", pero lembrou que hai 238 vías con nome de persoa e tan só 28 son de muller. "Alcalde, hai que darlle caña", animou, dirixíndose ao rexedor municipal, Miguel Anxo Fernández Lores, presente no acto. Desde que acordou a feminización das rúas, todas as novas bautizadas teñen nome de muller. O alcalde sinalou que lle tería gustado que o acordo polo que se deu nome a esta rúa fora unánime e comprometeuse a seguir traballando para dar novos pasos na feminización do rueiro pontevedrés. A Josefa Vázquez atribúese o bordado da bandeira da Sociedade de agricultores de Salcedo seguindo do deseño simbólico de Castelao, tal e como destacou durante o acto o historiador José Álvarez Castro, que repasou a súa biografía. A figura de Josefa Vázquez está moi vencellada á represión franquista e a súa biografía destaca por manter en pé a familia a pesar de que o seu fillo maior, Milucho, Edelmiro Dios, dirixente socialista e da loita obreira, foi torturado e asasinado; as súas fillas Fina e Tucha foron rapadas, torturadas e encarceradas durante dous meses; o seu home, Antonio, foi detido; e a súa empresa, O Ferreiro do Marco, foi intervida. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, que pediu aplausos extra pola señora Pepa, destacou que, con esta homenaxe, "hoxe é un día para sentirnos orgullosos e orgullosas de sermos de Pontevedra e de todo o que é esta cidade que estamos construindo entre todos e entre todas". "É un orgullo que teñamos memoria, é un orgullo que lembremos as nosas devanceiras e é un orgullo que nos xuntemos para celebralas", sinalou, antes de dar paso a Carmen Jar, presidenta da asociación Salcedo Norte, que impulsou o recoñecemento que se acaba de materializar. Jar destacou que esta inauguración é un "acto de xustiza e memoria" cunha muller "emblemática", e tamén "loitadora" e "símbolo de resistencia fronte á barbarie, tecedora de liberdade e dignidade". Este nome é unha "pequena, pero xusta reparación" da súa memoria. Guillermo Dios, tataraneto da señora Pepa, falou en nome da ampla representación familiar presente no acto e leu unha carta escrita pola súa avoa Fina, neta de Josefa Vázquez: "para a memoria histórica, serás a señora Pepa, unha heroína do teu tempo, pero para nós sempre serás a nosa avoa". Isabel Dios destacou que foi "unha muller e nai extraordinaria" e o seu compromiso co agrarismo, co movemento obreiro e co socialismo. "Tivo que sobrevivir a barbarie, o odio, a violencia extema dos fascistas, ao inimaxinable", sinalou. Abordou os "anos de represión, represalias, extorsións, acoso e lei do silencio que lle foron impostos á familia polo réxime golpista do ditador Franco" para destacar que, aínda "sendo vítima de tanto odio", Pepa foi unha traballadora "incansable" e un "exemplo de valentía, dignidade, empatía e xenerosidade" que "axudou outras familias a saír adiante nos tempos da fame que duraron moitos anos". O alcalde Lores pechou o acto antes de dar paso ao himno galego e destacou que é unha homenaxe "a unha persona valente, unha persona que loitou para defender a súa familia, unha persoña que tiña moitísima dignidade e que, ademais, deixou pegada desa dignidade non só na súa familia, senón tamén en todo o movemento asociativo". A masiva asistencia a esta homenaxe dálle a Lores "azos para seguir loitando" e traballando para "coñecer en profundidade" o que pasou. [galleries:horizontal:10465]