Primeira toma de contacto para facer realidade o Plan Especial de Protección do centro histórico e de Cantodarea

Wait 5 sec.

Primeira toma de contacto en Marín para establecer o cronograma de traballos a desenvolver durante os próximos catro anos para a redacción do Plan Especial de Protección do centro histórico e do barrio de Cantodarea. O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, a arquitecta municipal e a responsable da oficina que xestiona os ARI de Marín reuníronse o venres coa empresa adxudicataria da redacción do plan especial. O contrato terá unha duración de catro anos e o Concello e a empresa marcaron as liñas estratéxicas que se deben seguir para desenvolver este plan durante ese tempo. Os servizos técnicos do Concello facilitarán toda a información coa que se conta a nivel municipal destas dúas zonas e todos os datos necesarios de cara ao comezo dos traballos. A empresa adiantou que cara finais do verán poderá presentar un primeiro borrador que sente as bases do que será o traballo desenvolver. O plan permitirá o desenvolvemento urbanístico destas zonas, atendendo á súa especial particularidade, sobre todo con respecto á protección do patrimonio. Unha das cuestións que se tratou é a participación cidadá que se levará a cabo cos veciños e veciñas das dúas zonas que inclúen o plan de protección, para poder contar coas súas opinións de cara ao futuro. Tamén se trataron as inquedanzas que son trasladadas á oficina ARI, para avaliar tamén cales son as necesidades das persoas que están en procesos de rehabilitación de vivendas nestas zonas e os retos que enfrontan a nivel de tramitación, para mellorar a xestión burocrática. O concelleiro explicou que foi unha primeira toma de contacto para coñecerse e poder establecer os pasos a seguir "co obxectivo de que a participación pública empece rodar, e a partir de aí poder sacar conclusións". Sinalou tamén que o Concello considera este plan "estratéxico" para Marín e pensan que "marcará un antes e un despois na protección e o desenvolvemento das zonas patrimoniais que queremos potenciar". Poñen en marcha este plan sendo conscientes da "necesidade que tanto da veciñanza como de posibles futuros habitantes da vila de poder acceder a unha vivenda tamén a través da rehabilitación e da mellora urbanística dos barrios históricos de Marín".