Un accidente de tráfico rexistrado este luns 2 de xuño na estrada PO-308 ao seu paso por Raxó, no concello de Poio, saldouse con dúas persoas feridas, unha delas de gravidade. O sinistro producíase arredor das 14.30 horas, cando unha furgoneta e un turismo colidiron frontalmente na estrada, que une Pontevedra con Sanxenxo. Ata o lugar dos feitos desprazáronse efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio, que intervieron en colaboración cos Bombeiros de Sanxenxo, persoal do 061 e axentes da Garda Civil de Tráfico. Como consecuencia do impacto, unha persoa resultou ferida de gravidade, mentres que outra sufriu lesións de carácter leve, segundo a información de efectivos de Protección Civil de Poio. Ambos feridos foron trasladados a centros sanitarios polos servizos médicos do 061 para ser atendidos. Os axentes da Garda Civil de Tráfico investigan as causas que provocaron esta colisión frontal na que o turismo invadía o carril contrario. A estrada PO-308 rexistra todos os anos un incremento do tránsito de vehículos nesta época do ano. Accidente en Raxó, PoioProtección Civil de Poio