Coas últimas semanas do curso académico, chegan tamén os actos de graduación para aqueles estudantes que se converterán en novos titulados. Máis de 500 universitarios no caso do campus de Pontevedra recollerán as bandas e diplomas nestes actos, acompañados dos seus docentes e das súas familias. Entre este sábado 31 de maio e o venres 27 de xuño desenvolveranse estes eventos nas diferentes facultades e escolas do campus. A primeira destas celebracións terá lugar este sábado 31 de maio no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia e nela despediranse 81 novos graduados en Belas Artes, que terán como padriño o profesor Fruela Alonso. Organizado por un grupo de estudantes, este acto contará coas intervencións do decano, Xosé Manuel Buxán, e de tres representantes desta promoción, Gabriela Rubianes, Pedro Centeno e Fabiola Quintela. Xa o venres 6 de xuño, a Facultade de Comunicación despedirá 34 graduados en Comunicación Audiovisual, que terán como madriña académica a Diana Ramahí e como padriño a Fortunato Rodríguez. Organizado tamén polo propio alumnado, este acto sumará os discursos dos responsables académicos e dos representantes do alumnado a actuación musical da tamén estudante desta promoción Sara Jimeno e a proxección dun vídeo "de momentos cómicos e de recordatorio destes catro anos de carreira", salientan desde a organización. Esa mesma tarde, a Escola de Enxeñaría Forestal celebrará a graduación de nove integrantes da décimo segunda promoción do seu grao, nun acto que contará coas intervencións da madriña e padriño académico, Xana Álvarez e Juan Luis Somoza; da directora da escola, Ángeles Cancela, e de Alexandre Souto, en representación desta promoción. Á semana seguinte, o venres 13, o Pazo da Cultura acollerá o acto de graduación de 88 novos titulados en Publicidade e Relacións Públicas, que contarán tanto con padriños e madriñas académicas como profesionais. Os primeiros serán Carmen Maiz e Octavio Rodríguez, mentres que os segundos serán os profesores asociados Rafa Sierra, da axencia Distintos, e Carla Varela, da axencia Bravas. Nesa mesma xornada, Dirección e Xestión Pública festexará a despedida dunha vintena de novos titulados, tanto da modalidade presencial do grao como da segunda promoción de graduados da súa modalidade virtual. Este acto de graduación terá como convidada de honra á secretaria de Estado de Función Pública, Clara Mapelli, e nel os docentes Fernando Martínez e Álvaro López exercerán como padriños académicos, respectivamente, dos egresados da modalidade presencial e virtual do grao. Xa o 20 de xuño, chegará a quenda a despedir a XVI promoción do Grao en Fisioterapia, nun acto que terá lugar no salón de actos do edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública. María Rodil e Lorenzo Antonio Justo exercerán como madriña e padriño académicos dos 44 alumnos que festexarán neste acto o remate dos seus estudos. Finalmente, o tempo de facer entrega de bandas e diplomas pecharase no campus coa graduación máis multitudinaria, na que se despedirán aos preto de 250 integrantes das décimo terceiras promocións dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Tratarase, de feito, de tres actos consecutivos que se desenvolverán ao longo da tarde do 27 de xuño no salón de actos da Facultade de Comunicación. Neles, festexarán o remate dunha etapa 89 novos titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que terán como madriña e padriño a Xoana Reguera e Iván Prieto; 70 graduados en Educación Infantil, con Aroa Otero e Noelia Amado como madriñas; e 83 titulados en Educación Primaria que terán como madriña académica a Eulalia Agrelo e como padriño a Jorge Pascual.