Ata o 20 de xuño queda aberto o prazo para solicitar autorización para as fogueiras de San Xoán en Marín

Wait 5 sec.

O Concello de Marín xa ten aberto o prazo para que a veciñanza poida solicitar autorización para acender as tradicionais fogueiras nas noites máxicas de San Xoán e San Pedro. As persoas interesadas en organizar unha cacharela dispoñen ata o vindeiro venres 20 de xuño para presentar a súa solicitude. Para facilitar o trámite, o Concello ofrece dúas vías de presentación: a través da sede electrónica municipal (sede.concellodemarin.es), para o que se require certificado ou DNI dixital, ou de xeito presencial no Rexistro Municipal en horario de mañá. A normativa municipal establece estritas medidas de seguridade para estas celebracións. As fogueiras non poderán instalarse sobre vías públicas pavimentadas, praias, xardíns ou zonas verdes, así como baixo tendidos eléctricos ou telefónicos. Ademais, deberán manter unha distancia mínima de 12 metros con vivendas, edificios ou vexetación. En canto ás dimensións, as cacharelas non poderán superar os 14 metros de altura e os 6 metros de diámetro na zona de combustión. Para alimentar o lume só está permitido o uso de materiais naturais como leña, ramas ou troncos, quedando expresamente prohibido o emprego de pneumáticos, plásticos, latas, vidro ou materiais de PVC. Tampouco se permite botar aerosois (aínda que estean baleiros), aceites ou calquera substancia explosiva. Os organizadores deberán garantir a seguridade dos asistentes, impedindo que se sitúen nunha área de diámetro similar á altura do pau central da cacharela, e responsabilizaranse do cumprimento das normas establecidas. Ademais, deberán ter a man o teléfono de emerxencias (112) por se xurdise algún incidente.