A primeira fase da campaña de abonados do Pontevedra Club de Fútbol para o seu regreso a Primeira RFEF finalizou cunha auténtica avalancha de renovacións. Segundo os datos ofrecidos pola entidade granate ao peche este venres 6 de xuño das súas oficinas, un total de 2.806 afeccionados retiraron xa o seu carné para a próxima tempada. Deles 372 correspóndense con novas altas. Isto supón a maior parte da masa social consolidada, xa que o curso pasado pechou con pouco máis de 3.000 socios. Fixérono sobre todo empuxados polas vantaxes ofrecidas se se renovaba o abono antes deste venres, o que permitía por unha banda manter a cota de Segunda RFEF e polo outro poder presenciar todos os partidos oficiais na casa, xa sexa en liga, un posible play-off e a Copa do Rei. A partir de agora, xa sexan renovacións ou novas altas, os carnés de socios que se xestionen só permitirán presenciar os partidos de liga regular. Por ese motivo o asistencia de afeccionados nas oficinas de Pasarón foi constante durante as últimas semanas. Durante este período inicial as renovacións contaron cunha cota de 205 euros na bancada de Tribuna, 135 euros en Preferencia e 90 euros nos fondos para o público xeral, un prezo que para os bonificados (desempregados, persoas con incapacidade permanente ou xubilados) é de 140, 90 e 70 euros respectivamente, mentres que para os peñistas é de 90 euros en Preferencia e 70 euros nos fondos. A categoría Xoven pola súa banda ten un prezo de 60 euros en Tribuna, 55 en Preferencia e 50 nos fondos e a Infantil de 35 euros en Tribuna e 30 euros no resto de bancadas. Ademais o carné 'biberón' mantense en 10 euros, o de palco en 600 euros e o da 'bancada granate', situada en Preferencia e destinada a afeccionados nados entre 2000 e 2012, en 40 euros. Desde esta data as renovacións que se produzan contarán cunha recarga de 10 euros, e as novas altas de 20 euros.