O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro mes de outubro o IV Encontro do ICOM, a principal cita de museoloxía a nivel español. Tal e como anunciou a Deputación Provincial, este encontro de carácter trienal celebrarase na cidade do 16 ao 18 de outubro. Esta cita reúne representantes dos principais museos españois para debater sobre a súa realidade, tendencias e perspectivas de futuro. Antes de chegar a Pontevedra, celebrouse en Madrid, Valencia e San Sebastián. Nesta ocasión, o tema a tratar será 'Coleccións almacenadas: (re)definir e (re)organizar. O desafío da sostibilidade medioambiental e social'. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destaca que a escolla de Pontevedra como sede "sitúa o Museo como un referente" no ámbito da museoloxía estatal, abrindo novas vías de colaboración e proxectos compartidos. Para Domínguez, este evento "proxecta Pontevedra como unha cidade impulsora de grandes acontecementos culturais". A directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, resalta que o Museo, ademais de conservar, exhibir e divulgar unha colección ampla e valiosa, "fai un importante traballo de investigación que se materializa en foros como este". A presidenta do comité español do ICOM (Consello Internacional de Museos), María Auxiliadora Llamas, explica que "os profesionais de museos entendemos que as coleccións almacenadas nas nosas institucións necesitan unha redefinición ante os desafíos do mundo actual". E abordaranse neste encontro. O programa do evento contará coa participación de expertos internacionais como Gaël de Cuinchen, membro do grupo de traballo de coleccións almacenadas de ICOM; Víctor Cageao, director das Coleccións Reais; Roman Aebersold, do Museo Nacional Suízos; Juliette Raoul Duval, vicepresidenta de ICOM Europa; ou Hélène Vassal, directora de coleccións do Museo do Louvre. Tamén participarán directores e directoras dalgúns dos principais museos galegos, como CGAC, Museo das Peregrinacións, Museo Arqueolóxico de Ourense ou Museo de Belas Artes da Coruña.